A fermosura do enxebre

Jesús Manuel García OURENSE

OURENSE

Crónica | Allariz celebrou a Festa dos Maios Once exemplares tanto piramidais como artísticos formaron parte da cita lúdica protagonizada na vila alaricana polos alumnos dos seus centros educativos

30 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A praza do Concello, en Allariz, foi onte unha festa en clave escolar para celebrar os maios. Había once, enxebres e artísticos, todos eles de boa calidade. A festa comezou antes do mediodía na Barreira co paseo dos maios acompañados pola Escola de Gaitas rumbo á fermosa praza onde se asoma a ábside románica de Santiago. Alí puxeron os exemplares para cantar diante deles as coplas. As clases de relixión, a boda de Felipe de Borbón, a Festa do Boi, o fallido encoro do Arnoia ou o Xacobeo foron algúns dos temas tocados nestas composicións. O alcalde dicía que dado o interese da festa haberá que artellar o xeito de enrolar nela a outros colectivos sociais para que non sexa exclusivamente escolar. Os cativos ben que disfrutaron. Berros, carreiras, sorrisos mixturabanse sobre as pedras da praza diante dos maios colocadiños case con precisión milimétrica. Nas coplas de nenos gañaron os de sexto B, seguidos de quinto A e sexto A. Nas de maiores clasificáronse os de primeiro de ESO, os de segundo de Diversificación Curricular e os de primeiro de DC. En maios piramidais os gañadores foron o feito polos alumnos de segundo ciclo, o dos alumnos de sexto A e o dos rapaces de quinto B. En exemplares artísticos gañaron O tren da vida , de segundo curso de DC; O canasto , de primeiro de DC e A Ponte , de primeiro de Infantil . Soaban as muiñeiras na praza e os escolares amosaban a súa ledicia nun rebumbio vivo no corazón da vila. Léronse quince coplas. «Ao río Arnoia íano secar, pero todo o pobo logrouno evitar», escoitábase na festa. Nenos, pais e mestres pasaron unha mañá distinta a carón dunha tradición galega que non morre.