A linguaxe dos muros de Pazó

La Voz J. M. G. | OURENSE

OURENSE

SANTI M. AMIL

Xoaquín Lorenzo afondou nesta igrexa o seu estudio sobre paramentos prerrománicos en Galicia San Martiño é outro exemplo milenario da arte ourensá

03 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe imos coñecer outro monumento no que Xoaquín Lorenzo traballou. No pobo de San Martiño de Pazó, ubicado en privilexiado alto, nas terras de Allariz, conservase unha curiosa igrexa prerrománica, descuberta por Vicente Risco quen a pesares de non estudiala avisou da súa existencia á Real Academia Galega. A historia do sitio estudiouna Ángel del Castillo e falanos duna doación de Odonio, no ano 982 pola que se fai constar que dona Guntroda tiña o mosteiro de Palatiolo e parece que foi abadesa entre os anos 930 e 942. Se eso é así, entón di o Xocas que o mosteiro existía alomenos dende comezos do século X ou a finais do IX. Hoxe vemos un edificio dunha soa nave, cun presbiterio engadido e a sacristía. Chaman a atención os muros laterais coas portas laterais de arco de ferradura. Non son iguais, di o Xocas. A do norte ten 20 dovelas e a do sur, 19. Agora xa non se atopa tapiada senón que luce doble folla de recente colocación axudando á elegancia do edificio. O ilustre arqueólogo ourensán nos di que na porta norte, a que vemos dende a estrada, deu lugar a un erro grave na súa interpretación por unha reforma das dovelas do arco de tal xeito que lle mutilaron os arranques cortándolle o salinte e por iso as primeiras dovelas pasaron a ser arco na parte superior e xambas na inferior. Como Angel del Castillo non se decatou nos anos 20 deste detalle, fixo a interpretación errada da porta. A norte está decorada cun arco de ferradura de 1,30 metros. O seu desenvolvemento total é de 280 graos, e xa nos sinala que é exactamente a medida mozarabe. Ó Xocas chamoulle a atención os muros con dúas clases de aparello que denuncian obras anteriores ó século X. Fálanos dun aparello visigótico semellante ó empregado en Santa Comba de Bande ou en San Pedro de la Nave. As dúas portas laterais van coroadas cun alfiz. Xoaquín Lorenzo conta que o muro visigótico apréciase moi ben ao sur e o mozárabe ao norte. Se miramos a fachada principal, toda ela é, segundo Lorenzo, moderna pero atópanse elementos do edificio primitivo. Vese como se fose unha fiestra partida á metade e posta cada parte a un lado da fachada. Explica Xocas que non é fácil calcular a planta primitiva da igrexa, que podemos supoñer que fose case igual que a de Santiago de Peñalba, no Bierzo, con dúas ábsides en cada extremo. Semella que sempre tivo unha soa nave e que unha das ábsidas estaría onde hoxe vemos o presbiterio e a outra, aos pés do templo. Polo espesor dos muros supón o arqueólogo que a igrexa sempre estivo cuberta de madeira pois non hai contrafortes. Suliña o Xocas que o despece visigótico do resto dos dous muros laterais amosa unha obra previa ao mozárabe, e engade que a mozárabe se fixese partindo dun edificio anterior ao que corresponderían os anacos orientais dos muros antigos. Elementos visigóticos desta igrexa son o despece radial dos arcos e o trasdous vertical na súa parte inferior da fiestra. Xocas insiste: este monumento é anterior ao século X , polo tanto, a Peñalba, a Celanova, Mazote ou Vilanova. O arqueólogo Francisco Fariña explica: «Aquí Xoaquín Lorenzo cimentou o seu estudio sobre paramentos prerrománicos de Galicia comparándo-os cos de Mixós, cos das Torres do Oste, cos de Panxón e cos de Ambía. Fixo un despece singular coa reconstrucción dunha posible planta de doble ábsida e a recreación dalgún vano que se ve na propia fábrica. No entorno deste monumento teñen aparecido outros elementos, relevos coa figura dun orante, tema típico paleocristián e prerrománico que amosa unha palma. Son elementos que aínda se perciben nalgunhas fachadas do pobo que poden ter relación con algunhas ménsulas voadas con rolos».