«O BNG é o único que pode deixar ao PP sen o terceiro deputado»

OURENSE

SANTI M. AMIL

Entrevista | Tereixa Paz Franco A nacionalista está convencida do futuro de Ourense como polo de desenvolvemento do interior de Galicia e promete esixir ó Estado un plan para materializar este proxecto

09 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

? BNG enfróntase a unhas eleccións xerais decisivas para o seu futuro na provincia. Catro anos despois de levar a Anxo Quintana como candidato ao Congreso, e de quedar ás portas de conseguir o que sería o primeiro deputado nacionalista pola provincia, o seu posto é ocupado por Tereixa Paz -co morbo engadido de ser o propio Quintana na actualidade o home forte do BNG-. A concelleira en Barbadás e deputada provincial é unha loitadora de caste, unha muller comprometida que se ten significado en todas as batallas -desde as manifestacións contra as minicentrais á defensa dos traballadores desde a CIG- e que está a desenvolver unha campaña ao máis puro estilo dos vellos tempos do BNG: percorrendo a provincia de punta a punta e levando a súa mensaxe aos ourensáns desde a aldea máis remota aos grandes mítines. Mentres no seu fogar lle din que a ven máis na televisión que na casa, ela non afrouxa no seu obxectivo e -a diferencia doutros políticos- en todas as citas electorais ten un oco para a ilusión. -Vostede sempre fai referencia ás potencialidades da provincia. -Ourense ten futuro, e iso non é unha consigna de campaña. A provincia ten grandes posibilidades, mais cómpre xente que aposte por ela de forma decidida e que desenvolva esas potencialidades. -Nesta época de promesas, ¿que vende vostede? -O BNG ten un compromiso inequívoco con este país e con Ourense. Se estamos en condicións de ser decisivos despois do 14-M esixiremos que se poñan en marcha medidas urxentes para desenvolver a provincia de Ourense. Un plan de infraestructuras de verdade -con cartos e non con promesas-, devolver ao agro a súa capacidade de producir -con apoio económico para a creación de empresas de transformación e outros proxectos- e outras moitas iniciativas que están no noso programa. En definitiva, o obxectivo é poñer a base material e humana que temos na provincia a producir riqueza e emprego para os ourensáns. -¿Algo así como o famoso plan estratéxico? -O diagnóstico está feito e o tratamento para desenvolver a provincia sabémolo todos. A diferencia é que nós imos a lograr un compromiso do Estado, serio, con orzamentos e proxectos fetén, non con propaganda e primeiras pedras. -¿E por que non se está a facer se como vostede di xa se sabe cal é a receta? -Por falta de compromiso político. Dise que Galicia é a Suíza de España. Eu vivín parte da miña vida en Suíza e vou alí con frecuencia, aínda estiven no verán, é cada vez que vou cáeseme a alma aos pés. Aquí temos a mesma base material e non sabemos aproveitala. Hai xente moito máis formada que hai corenta anos ¿que pasa entón? que non hai vontade política. -¿O de que poden conseguir un deputado por Ourense só é unha estratexia? -É real e realizable, aínda que os cidadáns son soberanos e iso verémolo o día 14. O que é certo é que nós representamos a única posibilidade de sacarlle un deputado o PP. Actualmente a situación é de 3 deputados para o PP e 1 para o PSOE. Aos socialistas sobráronlle 10.000 votos dese primeiro e a nós faltáronnos 2.000 votos para obter un deputado. Sobre esta base é sobre a que lle pedimos o voto aos progresistas ourensáns, a eses que non queren que o PP teña a maioría absoluta e que incluso en Ourense lle queren dar un pequeno susto. A única forma de facelo é votando ao BNG. Matematicamente o PSOE é imposible que chegue ao segundo deputado e o BNG é o único que pode deixar ao PP sen o terceiro deputado. -¿Deixaremos algún día de estar no último posto de todas as estatísticas? -Decíanos o outro día un señor maior en Vilariño de Conso: «Aquí no Macizo Central o PP está podre». Iso é o problema da provincia, hai un gran cansazo e un pesimismo demoledor. De feito se a provincia non está pechada por defunción é por inercia. Só quedamos parados, funcionarios e pensionistas. -¿Ou sexa, que non sairemos deses postos? -Aspiro a que si. Na próxima lexislatura queremos crear as bases para desenvolver outras dinámicas para que, a medio prazo, Ourense sexa o motor económico do interior galego. Esas posibilidades están aí e hai que poñelas en marcha. O gran problema, que condiciona aos demais, é o emprego e nós queremos ir aproveitando eses pequenos xacementos de emprego para fixar poboación no rural. Só así e coa aposta pola cidade como centro de servizos se garantizará o futuro da provincia de Ourense en conxunto.