COUSAS DO PAÍS | O |
24 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Lendo cada mañá as as informacións de prensa sabemos que o textil galego perdeu dez mil empregos, que o salario mínimo interprofesional é o segundo máis baixo da Unión Europea ou que médicos do SERGAS afirman que son despedidos cada fin de semana. Non é difícil formarse unha composición de cal é a situación que atravesa o noso país. Ourense, o noso Ourense, non poderia ficar atrás. Xa só temos dereito a catro deputados no parlamento do Estado: hai ben pouco tiñamos cinco, obviamente, como consecuencia da imparable caída demográfica que sofrimos. E a fábrica Valeo ameaza con abandoarnos. Onde deberían pastar rebaños de vacas, ovellas ou cabalos -lease Montederramo-, con fondos económicos procedentes dos orzamentos da comunidade autónoma, e nas mesmas terras constrúese un cercado -coto de caza- que serve de peche a un rebaño de cervos, corzos, venados, etc., que han servir de recreo para xentes de alto nivel económico. Eis o futuro do campo na nosa provincia. Mais, un momento! Que non todo é tan negro como este pobre pesimista tenta facer crer. Veñen, os que mandan, de inaugurar -a bombo e platillo, con telderete repleto de pinchos, instalado a pé de obra-, o derradeiro tramo da auto-estrada do Atlántico que, por fin, remata no Ferrol, e están tan convencidos de que todo o fan ben, ou o que ven sendo o mesmo, que ás xentes do común non lles parece mal o xeito de facer as cousas, que non teñen reparo algún en recoñecer que tardaron trinta anos en rematar a auto-estrada que comunica Vigo con Ferrol. Dou por seguro que moitos deles, persoas ilustradas, saben que a segunda Guerra Mundial rematou no ano 1945, consecuencia pola que Alemania ficou arrasada. Quince anos despois, ese país estaba recibindo centos de miles de operarios, moitos deles galegos, pois xa tiñan o país reconstruido e precisaban de milleiros de homes e mulleres para produciren a súa industria (pode que o exemplo non sexa válido). Mais, volvo repetir, non todo é tan negro!, pois o señor alcalde de Ourense, ven de investir, nun proxecto vitivinícola de 800 millóns de pesetas, iso sí, en sociedade con Caixanova, e fora de Ourense. Daquela, ocurrenseme dúas cuestións: Unha. ¿É que non hai campo de xogo para o capital en Ourense? E duas. O señor alcalde, Manuel Cabezas, ¿declarou ese patrimonio de 800 millóns de pesetas na declaración de bens que por lei tivo que facer ao formar parte da Corporación Municipal ou os declarou a modo de incorporación durante o tempo do seu mandato? O próximo 14 de marzo hai que votar para constituir o Parlamento do Estado. ¿Compre campaña eleitoral?