DIARIO DE AURIA | O |
10 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.CHOVE, CORAZÓN. Está tan gris o ceo que un quere miralo, con gafas de sol, e a noite cabalga como ganso desbocado entre as ruínas da alma. Chove, corazón. As palabras son paraugas que me quitan dos ollos a tristeza, o rimel da soidade, os pés brandos de caramelo que pisan os meus dedos mentres escribo. Chove como se choveran bicos de azucre, phoskitos, flan con nata e licor. E mentres chove eles falan de eleccións e democracia e pactos e benestar e supremos tribunais e rebaixas impositivas... porque sois tan buenos todos, ciudadanos (afirman os seres rectores, a clase política, os elixidos, eles). Os políticos xa non saben mirar a chuvia, como a miras ti mentres les esta columna de mediasemana. Non creo neles porque deixei de crer nas promesas. Talvez as promesas son un modo de desvivir. Talvez resulte máis cauto non prometer nuncamáis. Xaneiro chove mentres san Antón observa dende a súa hornacina este tempo que nos falta, que nos mata. Que te vas, sol, e aquí me quedo: sentado entre os dentes dunha canción sen saída. Sempre a mesma. Esta chuvia que acaricia, esta chuvia sen sapos nin arco da vella, sen ti. A chuvia é unha forma de ser. Eu son chuvia.