DIARIO DE AURIA | O |
09 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.EU ERA AMIGO de Luís Otero antes de coñecer a Luís Otero. Lía as súas crónicas en Interviu e pensaba que Luís era o máis golfo, o máis ousado, o ser máis noctámbulo, vividor e bohemio de todos os continentes. A miña vocación era ser Luís Otero. Daquela parecíame Interviu unha revista transgresora e libertaria, un reclamo para os que non queríamos ser niñospijos, un oasis na asfixiante transición. Interviu , por desgracia, é hoxe unha revista que xa non leva na portada a Lola Flores ou a Susana Estrada. Agora desfilan os mentecatos de Gran Hermano, enseñando las tetas y vanagloriándose de la pasta que les pagan (Gilipollas: sois tan pobres que sólo tenéis dinero). Luís era o boss da noite, o amo. Sabía da bohemia e do malvivir todo o que un, na súa petulancia de pinchadiscos de provincias, quería saber algún día. Luís, ademais, tiña talento de escritor e un certo pouso melancólico. O mesmo que vexo nos seres lúcidos da súa xeración. Os que foron capaces de non venderse nada máis que por amor, ou por güisqui. Os necesarios, únicos e imprescindibles. Luís estivo onte na Limia. Abracei de novo ao amigo. Sempre terás trinta anos, ou menos, camarada.