DIARIO DE AURIA | O |
02 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ENTRAMOS en 2004 como saímos de 2003: a lo loco. É unha boa receita para non desesperar nesta provincia desesperada: comer en exceso as almas comidas, beber boleros, cantar licores e apócemas máxicas, desmelenarse e pegar un paso á fronte, decididos a conquistar as cimas máis inexpugnables, os imposibles, os ollos inaccesibles cegados entre as cortinas do prohibido. Auria, 2004. Seguimos. O rico na súa riqueza e o pobre alimentándose de esperanzas e billetes de lotería. A lotería é o imposto sobre a ilusión. Igual que os boleros son o imposto da melancolía. Un entra en 2004 cantando aquel do Rayito de luna, porque a lúa e os boleros reconfortan, como as caricias. Están caras. O personal abrázase pouco. Estamos narcotizados: pola televisión, polos «plebeyos» do poder, pola estupidez crónica. Miramos demasiado. Interésannos as outras vidas máis que a propia. Gozamos menos do que debemos. Só choramos de dor ou de rabia. Asústanos o presente máis que o futuro. Queremos ser o que soñamos pero só soñamos cando durmimos. Oxalá empeces a soñar cos ollos abertos. Tú, que en 2004, sigues leyendo este Diario.