DIARIO DE AURIA | O |
25 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CONCHA está aprendendo a ler. Mira as letras como se fosen magos, luces, horizontes de mar plenos de barcos e velas. Concha está aprendendo a ler e parece, na casa, que todos estamos aprendendo a ler con ela. Tal vez chegue o día en que os libros non sexan, para ela, todo o universo. Quizá chegue a comportarse como a maioría dos mortais, que len pouco, e mal, e á forza. Hai tempo que me come a conciencia, e a alma, o feito inaudito de que a gran cidade das Letras de Galicia, Auria, non tribute máis homenaxes a si mesma. Que teñamos unha universidade na que non existe a literatura como materia troncal (e temos unha Facultade de Humanidades). Que as campañas de lectura vaian aos pequenos e non aos grandes: profesionais, funcionarios, carpinteiros, labregos. Que nos limitemos a presentar libros, sufragar premios, cine cine cine, repetir que somos Atenas, e non a converter Ourense nun universo tan rico como o Dublín de Joyce. Que pensemos que a literatura non produce beneficios. Algún día Concha ha de saber que naceu na provincia das Letras que non sabe «explotar» nin «vender» a súa riqueza. Somos así de torpes. E non espabilamos.