DIARIO DE AURIA | O |
26 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.PROFESO admiracion inmensa por Alonso Quijano, polos seus soños de perdedor, pola súa Dulcinea que aínda vive no Toboso, con el, enchendo de bicos a súa barba breve, os seus labios de pirata, as súas mans temblorosas de bebedor. Quijano converteuse nun borracho. Hoxe encendeu a televisión, coma min, e saíu o de sempre. Los de Gran Hermano: qué alegría, Macarena. Despois leu o periódico. E soubo que en Ourense sobe o lixo e baixan os alumnos da universidade (sube la mierda y bajan las luces). Non coñezo unha lectura máis eficaz e certa da nosa provincia nos últimos anos. Qué gran definición, qué fotografía. A porquería increméntase e, paralelamente, baixan os matriculados universitarios. Eso somos, nada más. Como no bolero: un sueño imposible que busca la noche. Como Quijano, como o que escribe esta columna vencida. Como Dostoievski, que dixo do Quijote que era o libro máis triste que coñecía. ¿Por que?, preguntáronlle. Porque é a historia dunha ilusión perdida, contestou. Unha ilusión perdida. Como Auria. Como o que escribe este Diario de náufrago sen lúa. Sube la mierda y bajan las luces. Hoxe amenceu nublado. Desculpen a tristeza.