Presos e algo máis en Celanova

OURENSE

ANACOS | O |

15 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

SEMELLA QUE ás veces a memoria manca e queremos pasar de esguello por determinados episodios. Nestes días saían varios escritos en diferentes medios que incidían neste feito. Nun deles un lector dun xornal laiabase de que se falase do golpe de estado de Pinochet e se quixese dar a sensación de que fora cousa dun señor que agora é anciano e non cavila, sen citar a responsabilidade do amo do Imperio e os intereses das empresas americanas naquel país. Outro poñía a caldo un recente reportaxe a doble plana sobre Serrano Suñer, o «cuñadísimo», porque ó lelo parecía que este fora un grande estadista e un teórico de primeira liña, sen citar as súas responsabilidades na cruel e sanguinaria dictadura de Franco. En Celanova fálase estes días de homenaxes ós presos, as súas familias e ós veciños da vila que os axudaron a pasar aquel «episodio». Supoño que será un erro -eu por ti e ti por min- que ninguén se acorde dos grandes perxudicados -os que safaron viviron para contalo- e estes non foron outros que os fusilados, torturados e asasinados por defender a lexitimidade democrática da República e os dereitos do nacionalismo galego.