DIARIO DE AURIA | O |
16 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.TAL VEZ sexa eu o equivocado. Pero no asunto universitario discrepo: a miña opinión non coincide coa opinión da maioría. Creo que o problema non reside no número de titulacións, senón na calidade das mesmas. Creo que a universidade non está aberta a todo o mundo, senón aos máis brillantes (si, a universidade debe ser elitista intelectualmente, desculpen que siga sendo un escritor politicamente incorrecto). Esta semana saíu á luz que os deportistas de elite teñen que saír da provincia porque carecemos de títulos. Somos unha universidade marxinal, sabémolo, pero iso non significa que non poidamos convertérmonos nunha universidade de prestixio. E ao prestixio accédese dende a calidade. Preocúpame máis, por exemplo, que en Ourense estea a mellor facultade de humanidades de toda Galicia que se impartan, ou non, os estudios de veterinaria. Por outro lado creo que o vicerrector Mazaira está a facer un labor encomiable: abre a universidade á cidade e ás institucións. E ten ganas, e honestidade, e capacidade, e bonhomía. Temos, pois, un magnífico vicerrector. Só faltan os medios (materiais e humanos) para non seguir sendo un campus de residuos.