«É un privilexio poder tocar en San Clodio e no Liceo de Ourense»

OURENSE

SANTI M. AMIL

O cronómetro | Cibrán Sierra Vázquez

29 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? mosteiro de San Clodio e o Liceo de Ourense serán os escearios privilexiados que contarán coa presencia, hoxe e mañán, do Cuarteto Quiroga. Unha nova formación de música culta na que figura o violinista ourensán Cibrán Sierra Vázquez. Este artista é titulado superior polo Conservatorio de Música de Vigo e ten ampliado estudios en Suecia e Estados Unidos, entre outros lugares. -¿Como nace o Cuarteto Quiroga? -É un proxecto que naceu da amistade entre catro persoas que nos coñecimos estudiando fóra e que coincidimos na Esemble Utopía, que dirixe Charles-André Linale. -¿Cal é o obxectivo desta nova formación? -Somos xente que temos traballado moito, como todo o mundo, e que queremos facernos un oco no panorama da música de cámara con esta nova proposta que é o Cuarteto Quiroga. Sabemos que é difícil pero estamos preparados para conseguilo. -E comezan actuando nun lugar monumental como San Clodio. -Para nós é un pracer e un privilexio poder actuar nun lugar tan idílico e monumental como o mosteiro de San Clodio, nunha sala idónea para a música de cámara e no corazón do Ribeiro. Tamén supón un reto facelo no Liceo, da man da Sociedade Filarmónica Ourensana. -¿Como afronta o reto da próxima temporada? -Na 2004/05 farei o meu solo-debut no Concerto nº 1 de Béla Bártok coa Gothenburg Symphony Orchestra no Auditorio Nacional de Suecia. É un reto para min pero tamén me fai moita ilusión por tratarse dunha das orquestras máis importantes de Europa.