Oración a San Benito

PORQUEIRA

DIARIO DE AURIA | O |

12 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ATRAPADO. Entre os fíos de sol e bochorno. Mirando as fotografías de san Benito, que é santo poderoso. Os devotos con ollos esperanzados reclamando favor, iluminados, entusiastas. Eu, no medio. Atrapado. Solicitando gracia a San Benito. Por exemplo, que nos quites, cariño, as verrugas da alma. Que o Bloque que vota co Pepé en Baltar non lle pida ao Pepé que non vote Susana en Porqueira. Que a taberna do Manolo sufra a revolución rusa, con moito bolchevique, que a provincia está aburridita. Que os concelleiros de Río se fagan tibetanos. Que llueva café en el campo. Que o príncipe Felipe presida con garbo e porte borbónico o salón do emprego (nesta provincia de parados). Que non te vaias no último trago. Que non se acaben as ganas. Que a canción da mariposa non se coloque nos tocatas máis alá das seis da mañá, que me marea. Que a robaliza de Tino Fandiño e o viño de Emilio Rojo se unan en matrimonio, polos séculos dos séculos. Que te rías. Que me ría. Que no te roben ni un sueño, ni uno. Que as lágrimas se declaren en folga de fame. E que ti, San Benito, o próximo ano sigas amándonos así, tanto tanto, como nos amas. Amén, cariño. Amén.