Historias de amor

OURENSE

PILI PROL

DIARIO DE AURIA | O |

27 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

APARECERON xuntos, a poucos metros da súa cama. Os dous eran maiores e estaban sós. Acompañábanse do seu amor, que é quen máis acompaña, digo eu, cando a vida deixa de interesar e só interesa amar e que te amen. Apareceron xuntos, e mortos. A autopsia revelará a ciencia certa, e incontestable, a causa do seu óbito. Eu apunto que morreron de amor. Cansados de vivir e, sen embargo, agarrados ás paredes de si mesmos, próximos ao leito, como querendo cantar a última e definitiva canción. Estas historias de amor son as que interesan e conmoven, as que alimentan a fe no ser humano, as que reconfortan baixo este sol que asfixia, ou esta asfixia que nos aparece, tamén, cando o sol está no alto. Estas historias de amor marcan o devir cotián do mundo. En calquera recanto da cidade está bicándose unha parella, desexando tal vez quedarse aí, neses labios, para sempre. Permanecer entre caricias, coa pel enardecida e un ramo de lúas nos dedos. Quérote, amor, quérote, susurran entre lágrimas de gozo. Xuran que queren estar así ata o último día. Ata que a policía teña que abrir a súa porta e os encontre, pegados, próximos á súa cama.