O BALCÓN DE MOREIRAS | O |
12 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.OS QUE estudiamos, fai desto moitos anos, na que se chamou Academia Bóveda, ollamos agora con serena gratitude a quen se está a homenaxear. Ó mártir de Galicia, Alexandre Bóveda. Sí, porque seu irmán, don Vicente, director da citada academia, levaba na súa faciana, non somentes a dor pola enfermidade que o torturaba senón por aquel corazón que sangraba pola perda de Alexandre. Don Vicente -a súa irmán Pilar tamén- souperon naquel centro de ensinanza non amosar en ningún intre o resentemento que poideran albiscar quenes fomos seus discípulos. Como tamén don Manuel Luis Acuña, don Alberto Vilanova, don Raúl González..., quenes represaliados tra-la fogueira que se produciu no ano 1936, xuntáronse para ensinar, sen, como digo, transmitir ós seus alumnos a amargura dos vencidos, que levaron cunha grande dignidade. Ben feito o que ben está. O ilustre ourensán Alexandre Bóveda foi un mártir da inxusticia, da ignorancia, «dos feridos e duros, imbéciles e escuros, que non vos entenden non». E sin tratar, nin moito menos, hoxe de voltar a vista atrás con odio, que superamos uns e outros coa concordia que nos permite poder vivir uns e outros en democracia e tamén en liberdade; tamén é xusto honrar a quenes deron a súa vida por unha Galicia que ten identidade propia.