RECANTO | O |
04 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A NATURALEZA da Comarca de Valdeorras ten un valor no contexto galego inigualábel inda que de difícil asimilación nunha sociedade afeita a clichés e pouco dada a asimilar mensaxes complexos. Varios son os factores que fan que Valdeorras teña este elevado valor natural: a posición xeográfica, a variedade litolóxica e a gran diversidade orográfica. Vemos así como nuns poucos quilómetros cadrados atopamos gran disparidade de ambientes e especies.Pero todo este valor vese ameazado por unha serie de actuacións que están eliminado o patrimonio natural valdeorrés. A minería é quizais o máis visíbel, nin que dicir ten que alí onde se asenta causa un gran impacto derivado da eliminación física de grandes áreas, a ocupación doutras por escombreiras, mesmo bacias fluviais, e a proliferación de pistas que deterioran a paisaxe. Hai que facer mención ó lume. Na súa xénese atopamos un senfín de factores negativos: o abandono das terras de cultivo e a desaparición da gandería extensiva e semiextensiva, os cultivos forestais baseados en especies foráneas de rápido crecemento (e elevado risco), etc. O encoramento do Sil e doutros ríos eliminan algúns dos hábitats máis valiosos da comarca e crean barreiras artificiais para a vida silvestre. Inda quedarían por mencionar unha gran cantidade de problemas ambientais como é o urbanismo, descontrolado, o abandono do agro, a contaminación industrial ou a proliferación de vertedoiros. Pero, quizais, a declaración da Serra da Lastra como Parque Natural, un dos espacios naturais máis valiosos de Galicia, indique un cambio de tendencia esperanzador.