ANACOS | O |
26 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.AS ELECCIÓNS do 25-M deben ser as primeiras, en moito tempo, que non gañan todos. De entrada perde o movimento cidadán, que non viu como se plasmaba en votos o descontento e o cabreo que encheu as rúas. Galicia é diferente e aquí imos cunha vela a deus e outra ó diaño -que algúns din que tampouco é malo-. O BNG non capitaliza o descontento, e o PP amarra Galicia e salva os trastos alí donde mellor controla: nas distancias curtas do rural. En Ourense é tempo de reflexión. Manuel Cabezas debería seguir o exemplo de Fraga e retirarse, poñamos por caso á Chavasqueira, para analisar por qué esa maravillosa e glamurosa xestión que lle vendeu ós cidadáns non se correspondeu cos concelleiros conseguidos, e perdeu un edil con respecto a 1999. A noite do 25 de maio vai tardar en esquecérselle ó alcalde ourensán. Como se dun programa de Pepe Navarro se tratase o rexidor municipal, por intres, tampouco sentía as pernas, e menos os votos. Troitiño desaparece por fin da escea política municipal, non sin antes facerlle sentir o frío nas costas a máis dun logo de pecharse as mesas. Nas filas nacionalistas tamén deberían pedir vez para Oseira, ou San Clodio que vai máis co novo estilo benegé. Tanto bogar ó centro e á socialdemocracia está facendo que se gañen nichos de afectos, mais ó tempo se van perdendo filiacións históricas e creando descontentos que reclaman una saída pola esquerda e un novo proxecto político para o nacionalismo menos fashion.