DIARIO DE AURIA | O |
23 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.REGRESAR é unha vocación, como a melancolía. Botaba de menos este Diario. Tantas eleccións, tanta vanagloria, tanto desván de compases sen clave de sol. Botaba de menos os olliños verdes da lúa sobre esta columna, este exilio, este residuo, onde podo levantar a voz sobre a fin de semana, esa cidade perdida. Permítanme os deuses que fale do que quero falar, oséase: dos lirios da madrugada, do licor da esperanza, do Barcelona Club de Fútbol (esa traxedia), das uñas dos bares con pinzas de Irlanda, dos vagabundos que vagan con cartóns de viño tinto entre os cartóns dunha noite que non acaba, do virrei, da mariposa de Maná, dos boleros que non me cantan, da catedral con luces que me ilumina mentres camiño solitario abrazado á farola da ilusión, de Bach e de Mozart, do tren da felicidade ao que subo e baixo e subo e baixo, de Serrat, dos xogos que xogaba contigo de neno na praza, dos perdedores que perderon todo menos as ganas de vivir, dos ganadores que só ganaron pasta, do amor que acende luces nas esquinas dos teus labios, da alegría que me brinda copa a copa, dos amigos, das cousas pequenas, das cancións. Botaba de menos este Diario. Si.