DIARIO DE AURIA | O |
26 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO a música desapareza, quedará Serrat. Colgado entre as lágrimas dunha nube de licor, guitarreando, afirmando que hoy las musas han pasao de mí, melancólico e lúcido, próximo e grande, habitando nesa patria de soños onde nos miramos os ilusos, é dicir, esa parte do mundo que está condenada á esperanza. Cando a música desapareza, quedará Serrat. Ou sexa, que cando reine o silencio escoitaremos que só o silencio é quen de salvarnos, que as neves son máis frías en abril especialmente, que si alguna vez fui sabio en amores lo aprendí de tus labios cantores, e que, definitivamente, son as pequenas cousas as que definen e defenden a nosa existencia de náufragos: os detalles. Serrat é un detalle gozoso en medio deste mundo mediocre, de mediocres, onde a mediocridade é o único Deus, credo, paradigma e principio. Gústame Serrat porque me gusta a verdade: por iso son escritor e por iso escribo mentiras. Gústame Serrat porque teño un amigo que di que ten un amigo que coñece un tipo que un día foi feliz. Gústame Serrat porque me gusta ver o mencer entre vasos e boleros. Gústame Serrat porque me gusta a vida. Así, simplemente.