Foxo e a gaita desenfocada

OURENSE

DENDE A BARREIRA

09 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

NINGUÉN VIU a Foxo e ós seus entre os miles que encheron Compostela con música e dignidade a pasada fin de semana. Foi unha marea gaiteira empeñada en berrar «Nunca Máis» no medio da ausencia dos omnipresentes. Non se viu en Compostela ó xeneral Foxo e ás súas gaitas marciais. Non marcaron os seus bombos o ritmo do paso da oca. Foxo, que o sábado presumía na Voz da súa filosofía de compromiso coa humanidade, esqueceuse dos mariñeiros galegos no fragor da creación dunha homenaxe a Gorbachov. Foxo escolle a Gorbachov por disciplina, coma todo. Disciplina á bandeira ianqui, que abrazou con fervor na súa estancia na Zona Cero. Disciplina ó amo que dá de comer e alimenta a fame de vaidade, a máis insaciable. Disciplina para arengar a Don Manuel a ritmo de catro mil gaitas. As mesmas que faltaron en Compostela para berrar por Galicia. O da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense é un problema, ó que se ve, de enfoque. A humanidade, para o exeército de Foxo e Baltar, comeza máis aló do Padornelo. Da fronteira para aquí, todo o que vive é xente. Ou bechos, que tanto ten.