DIARIO DE AURIA
30 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.SE O ASUNTO non fose tan triste, un, que caeu no escepticismo crónico, pensaría que o Pepé que nos goberna e ordena e administra está de coña: Menos impuestos, más seguridad (poden ler en cartelería inmensa colocada en muros, muretes e paredes). Menos impuestos, más seguridad. E en Ourense van dous mortos nunha semana. E impostos, o que se di impostos, pagamos o que hai que pagar: porque España va bien y Hacienda somos todos. A vida, contemplada incluso dende a barreira, hai veces que dá lástima. E a un colócano do revés, por se a alegría está nos seus zapatos, e só han de caerlle lágrimas. Non me gusta o mundo que vivo, non me gusta o futuro dos que veñen detrás, non me gusta que os nenos crean que só hai un camiño: «ser los mejores», non me gusta a prepotencia de Aznar, non me gustan os brazos caídos de Zapatero, non me gusta Operación Triunfo (o programa máis venenoso da historia da televisión), non me gusta que prohíban as caricias, non me gusta que me miren e non me abracen, non me gusta que a ternura estea en desuso, non me gusta o cartel que ensucia os meus ollos: Menos impuestos, más seguridad. ¡Pandilla de mentirosos!