Recoñece que co tempos esvaécese a imaxe da cidade aínda que sempre quedan recordos
30 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Cando Rosa e o seu home, Carlos, veñen de Arxentina en 1970, a situación social e económica era relativamente boa. Nada que se semellara á situación actual. Cando en 1973 regresaron para arranxar os trámites necesarios para volver definitivamente a Ourense, o que acontece en 1976, Rosa non recoñecía o seu país. Nos tres anos que aínda permaneceron en Arxentina, viviu a miseria moral que supón calquera dictadura. «Aí comenzou o verdadeiro deterioro de Arxentina, que non é soamente económico. A ética, a carencia de valores, está no trasfondo desta dura problemática». Fálame de La Plata, cidade universitaria da Pampa, ribeireña e situada a 50 kilómetros de Buenos Aires. «É unha cidade cun trazado tremendamente racional, que foi construida, e non facéndose aos cachos, como acontece nas vellas cidades europeas». A súa era unha casa típicamente italiana: «vivenda unifamiliar de patio central e habitacións aos lados, con horta e xardín. Aquí conquerín recuperar o loureiro e a figueira, aínda falla a laranxeira amarga». Asegura que co tempo a imaxe da cidade vaise esvaecendo para centrarse nas lembranzas da infancia. Non se poden facer comparanzas de Arxentina e os países europeos. «Arxentina é un país multicultural no que conviven moitas tradicións, sen que se poda falar do predominio dunha determinda identidade. Aquí hai unha imperante. Cando chegas, incorpóraste a unha cultura que non é totalmente descoñecida. Ao ollar no teu entorno pensas, isto é do que se falaba na casa dos avós». Rosa está dividia entre dúas situacións: a problemática do que se ten que desprazar, «polo motivo que sexa», e o feito de que aquí aínda se precisan cousas. «A inmigración é un problema difícil de solucionar, precísase buscar un equilibrio dende a sensibilidade. Onde se poida asimilar o traballador estranxeiro, hai que axudar». No particular, ela xa tiña solucionado o seu caso a nivel persoal, mais perante da situación actual cre que é unha obriga moral abordar con serenidade o problema da inmigración. Pensa que nós, os galegos, en xeral temos asumido esta situación, pois moitos dos nosos familiares tiveron que pasar pola mesma situación. «Estamos nos principios da mestizaxe cultural. É cuestión de tempo que admitamos as aportacións foráneas. Ten que ser un proceso paulatino, darlle tempo ao proceso de asimilar e integrar. Recoñecer que podemos enriquecernos coas aportacións doutras culturas non implica que a nosa sexa inferior. Mais ben é un sinal de que se teñen producido avances sociais e económicos. Eu nunca tiven medo de deixar de ser quen son polo feito de enriquecerme con outras aportacións. Aínda lembro a primeira vez que entrei na catedral de Ourense. Haberá catedrais máis importantes, mais foi o meu primeiro contacto cun templo románico».