Un símbolo milenario para Auria

La Voz LA VOZ | OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A escultura Nexus VI foi inaugurada onte nun acto celebrado xunto á Ponte do Milenio Cabezas salientou as «miles de horas que as mans de Carrera empregaron en facer esta obra»

03 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A A Ponte do Milenio e a cidade de Ourense xa teñen un novo símbolo, un referente artístico chamado a perdurar na memoria colectiva e na historia da cidade ó longo dos séculos: Nexus VI. A escultura de Xosé Lois Carrera foi inaugurada onte cun emotivo acto no que o escritor, e amigo do artista, Xosé Carlos Caneiro asegurou que «este é un coloso que quedará como un símbolo da nosa Auria». O autor de «Ébora» invitou ós ourensáns a disfrutar da monumentalidade e a beleza da escultura de Carrera e gabou a decisión do Concello de levar a arte á rúa «porque eu sempre digo que o futuro de Auria é a cultura. A nosa gran industria e a nosa gran factoría é a cultura e agardo que o futuro traia cada vez máis cultura bonita a esta Auria bonita que entre todos estamos a facer». Manuel Cabezas asegurou que Nexus VI é un fito histórico que enlaza «con esta ponte emblemática que tamén tén algo de anatomía» e amosouse convencido de que a escultura «é unha peza que queda unida para sempre á nosa historia, ademáis de ser una obra que vai engrandecer á nosa cidade». Pola súa banda o creador de Nexus VI, Xosé Lois Carrera, agradeceu ó alcalde de Ourense e ó Concello a «aposta sólida, sen fisuras e decidida pola miña obra, nestes tempos en que o realismo e a figuración sofren una certa caza de bruxas polo que é o entorno da arte contemporánea».