«Os concellos deben implicarse no aproveitamento do patrimonio»

OURENSE

A consellería aposta polas novas tecnoloxías para superar a «brecha dixital» e quere relanzar o Festival de Cine de Ourense

02 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que «ven de aterrizar» na delegación da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en Ourense, donde tomou posesión o pasado 6 de febreiro, José Luis Pérez Pérez sempre estivo vencellado á actividade cultural ourensana. Nun primeiro balanzo de actuación cita unha morea de proxectos e iniciativas que se teñen desenvolvido nestes meses, sen deixar de cavilar naquelas actuacións de referencia para a provincia: o complexo cultural de San Francisco, o parque castrexo de San Cibrán de Lás, a posta en valor da Vía Nova ou a construcción dun hotel monumento no mosteiro de Melón, entre outras actuacións. Con catro direccións xerais na consellería -as de Promoción Cultural, Patrimonio, Turismo e Comunicación Social- os traballos e actuacións «non faltan. Tés que estar en moitas frontes: desde acudir a Leiro para mirar de que non se afecten entornos como o da igrexa de Serantes cunha estrada a implicarse na nova etapa do Festival de Cine». -¿Con catro direccións xerais será difícil coordenar as actuacións? -Non, o que pasa é que hai actuacións que ó mellor pasan máis desapercibidas. Por poñer un exemplo, estase desenvolvendo unha experiencia pioneira, Galicia é túa, que está facilitando o acceso e o coñecemento de Internet na zona rural a través dunha infraestructura cunha carpa con 28 ordenadores de última xeración. Tamén se ofrece material audiovisual. Estivo xa en A Rúa e O Carballiño e próximamente estará en Verín, Ribadavia, Pobra de Trives e Celanova. O superar a «brecha dixital» existente en Galicia é un dos nosos retos. -Falando de audiovisual, ¿que papel xogará Cultura no Festival de Cine? -O noso apoio é total. No meu caso hai unha colaboración absoluta co novo xerente do festival porque a cita de Ourense tense que convertir no futuro no festival de cine de Galicia. -¿Chegará o día en que o ser a segunda provincia con maior patrimonio do Estado sexa un factor de desenvolvemento? -O aproveitamento desta riqueza patrimonial como recurso turístico é difícil. No caso do turismo de sol e praia hai moitos intereses e a participación da iniciativa privada. No turismo de interior é máis difícil, é máis de promoción. Polo xeral é a Administración a que toma iniciativas, apoia, etcétera, pero ten que ser a iniciativa privada a que se implique máis. Con todo hai casos exemplares na provincia, nos que a Administración interviu para evitar a desaparición ou o risco en determinados enclaves, é o caso dos mosteiros de San Clodio ou San Estevo e, no futuro próximo, o de Melón. O papel da iniciativa privada tamén se está a implicar coa construcción de casas de turismo rural. De tódolos xeitos os concellos son peza fundamental da posta en valor do seu patrimonio e deben implicarse máis neste aspecto. Ourense, co Plan Urban, ou Celanova, coa recuperación de Vilanova dos Infantes, son exemplos a seguir. Iniciativas como as da Festa da Istoria tamén son exemplares. -Moitos concellos queren crear hoteles ou reconstruir os seus castelos, ¿que opina? -Tódalas intervencións nese eido son moi delicadas e requiren a aprobación de Patrimonio. No caso de Ribadavia xa se está actuando, pero como é lóxico non se contempla a reconstrucción, e noutros, como o de Maceda, é certo que existe unha demanda para crear un hotel prantexada polo alcalde deste municipio.