«A do pan é unha das festas máis entrañables do verán»

Mar Gil OURENSE

OURENSE

SANTI M. AMIL

Do 7 ó 10 de agosto Allariz celebra as súas festas etnográficas, coa reproducción do proceso de elaboración do pan: da sega ó forno

02 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Como técnica de Cultura do Concello de Allariz, Elena Rodríguez Bouzas comparte a responsabilidade organizativa. -¿Cal é o programa? -O día 7 farase a seitura en Queiroás e o 8, a malla. O 9 será a moenda no Muíño do Burato e o 10 cocerase na Torre de Seoane. A sega fíxose xa o 20 de xullo. -Este ano a festa incorpora novidades. -Si. Faremos unha homenaxe ós vellos segadores en Castela na persoa do señor Demetrio de Queiroás, un dos máis veteranos. Os investigadores Enrique Bande e Xosé Carlos Sierra farán unha pequena intervención sobre aspectos históricos e sociolóxicos. -¿Cal foi a presencia allaricense nas segas da Meseta? -Un grupo de xente está facendo traballo de campo, un censo dos segadores que foron a Castela, e estamos vendo que hai moitísimos. De aí xurdiu a idea de ampliar as festas unha xornada para facerlles unha homenaxe, que o ano que vén será noutra zona. -Semella unha festa senlleira. -É unha das festas máis entrañables do verán por particular. Concertos e cine hai en tódolos concellos pero festas así, non. Ademais, os propios veciños son protagonistas, practicamente organízano todo eles. Este ano sementaron unha finca de centeo e recuperaron unha malladora en Queiroás, o dono foi ata Portugal para atopar pezas orixinais. Así que o día 8 vaise mallar cos mallos e coa malladora. -A festa está acadando outra dimensión. -Engadiuse a seitura, que é o que completa o ciclo. Estamos recollendo todo en vídeo para que quede un documento e, cando se faga a sementeira, tamén se recollerá.