O «Diccionario do cine en Galicia (1896-2000)» rescata do esquecemento a personaxes vencellados ó cine O Centro Galego das Artes da Imaxe vén de publicar «Diccionario do cine en Galicia (1896-2000)», un traballo que se facía necesario para xuntar os datos e a información que estaba espallada en varias publicacións sobre o feito audiovisual galego e que aporta grandes novidades no que se refire á xente que estivo vencellada á industria do cine ou que tivo algún papel nela. Xunto a persoeiros ourensáns destacados, como Velo, Suárez ou Román, aparecen outras figuras ata agora descoñecidas para o gran público.
08 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O Diccionario do cine en Galicia (1896-2000) é un voluminoso traballo que recolle en 390 páxinas 286 entradas. Compendio de cinco anos de traballo no mesmo colaboran moitos dos investigadores, profesores universitarios, historiadores ou críticos que teñen desenvolvido nestes anos traballos ou proxectos vencellados ó eido audiovisual. Como lembra Miguel Anxo Fernández, un dos autores das voces, «esta publicación promovida polo CGAI é meritoria no senso que pon ó día e actualiza contidos ou traballos anteriores -como a Historia do cine en Galicia ou o Diccionario filmográfico de Emilio Carlos García- e que ó mesmo tempo rescata a moitos nomes e personaxes de orixe galego vencellados co audiovisual, algúns xa coñecidos por todos e outros, moitos, apenas coñecidos ou totalmente descoñecidos para o público». Novos conceptos Ademáis, segundo Fernández, a obra «inclúe apartados novos como as voces dedicadas á lexislación, ás películas relacionadas con Galicia, á arquitectura cinematográfica, ó documentalismo, ó cineclubismo e a outros conceptos».