A primeira Gran Mostra de Pintores Galegos Actuais desperta o interese dos ourensáns A primeira Gran Mostra de Pintores Galegos Actuais tense convertido, desde que abriu as súas portas ó público na rúa do Paseo, nun lugar de encontro coa arte para centos de ourensáns. A resposta da cidade refrenda este proxecto con vocación itinerante.
05 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Na exposición que se pode ver na rúa do Paseo cóntase cunha ampla mostra de diferentes estilos e tendencias da arte galega actual. Xurxo Alonso, Xavier Dopazo, Martínez Coello, Felipe Iglesias, Eusebio Rivero, Vázquez Alemán, Gonzalo Araújo, Caruncho, Chema Dapena, Ánxeles Penas, Lino Silva, Marta Pardo de Vera ou Ana Lamuño son algúns dos autores das obras expostas nesta sala de arte temporal. José Antonio Araújo, responsable desta galería itinerante chamada Galicia Arte, recoñece que «o proxecto nace con esta exposición de Ourense e con vocación de ir logo polas principais cidades galegas. Logo vaise presentar nas principais cidades españolas». A filosofía deste proxecto é sinxela: «O que nós pretendemos é superar o carácter localista da pintura aquí en Galicia. Hai grandes pintores en Ourense, en A Coruña, en Vigo, en Santiago, etcétera, e non existe un coñecemento -agás nos casos de todos coñecidos, de catro ou cinco artistas galegos- máis alá do ámbito local. Con Galicia Arte queremos rachar ese localismos e promocionar a obra destes artistas». A selección de obras para esta iniciativa «só se rixe por un criterio: a calidade».