José Araújo Fernández, xerente do Festival Internacional de Cine Independiente de Ourense José Araújo Fernández é o novo xerente do Festival Internacional de Cine Independiente de Ourense. Con sinceridade rotunda recoñece que lle ofreceu o posto o alcalde, Manuel Cabezas, e aceptou de contado porque supón unha gran plataforma para el e porque considera que é un grande reto na súa traxectoria profesional. Empresario, de 30 anos, márcase como meta facer do festival o mellor escaparate para promocionar a imaxe da cidade e aposta pola continuidade de César Silva como director.
06 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.José Araújo é o sustituto de Bea Anguiano na xerencia do Festival de Cine de Ourense. Onte mesmo o novo xerente do festival xa estaba no Concello de Ourense poñéndose ó día para asumir canto antes a súa responsabilidade. -¿Como surxiu a proposta do seu nomeamento?. -Surxiu de que mo propuxo o martes pola mañá o alcalde. Dixerame algo o luns pola tarde, pero pensei que sería para colaborar en algo ou para botar unha man. Ata agora non tiña vinculación nin co festival nin coa administración local á hora de traballar. -E aceptou sen máis. -Si. Para min é unha oportunidade moi boa. Encántanme os retos. Levo anos na empresa pero esto é novo. -¿Manterá o equipo?. -César Silva seguirá como director do certame. O meu obxectivo é ocuparme da xestión. Contarei coa xente que está no festival e barallo incorporar algunha persoa, aínda que non vou avanzar nomes. -¿O presuposto é o atranco principal do festival?. -Quero conseguir máis presuposto implicando ás empresas de Ourense e ampliando a aportación das institucións. -¿A súa vinculación ó PP pode ser un condicionante?. -Para nada. Non quero entrar nesas consideracións. Eu separo a empresa da política e aquí vai ser o mesmo. Son o xerente do festival, non importa se son dos renovadores ou dos outros, se son do BNG ou do PSOE. Para nada.