«Falta autoridade nas casas»

La Voz

OURENSE

MAR GIL O CRONÓMETRO Pilar Gallego Cid, educadora da Escola de pais e nais de Allariz

07 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Coma os seus fillos, o grupo que participa na Escola de pais e nais de Allariz retoma a actividade tralas vacacións de Nadal. Pilar Gallego, pedagoga e educadora de adultos, coordina o traballo, que se desenvolve no colexio público pero está aberto a tódolos pais do concello. -É unha iniciativa do Concello de Allariz, subvencionada por este e pola Xunta. A participación non é moi ampla pero a xente que vai responde. -¿Que é unha escola de pais? -Consiste en reunións semanais nas que falamos de asuntos que preocupan aos pais sobre a educación dos seus fillos. Eu dou unha explicación teórica e material e despois hai unha charla na que todos dan a súa opinión; ao final sacamos conclusións. Tamén organizamos charlas de especialistas. -¿Que preocupa máis aos pais? -As drogodependencias e como modificar conductas inadecuadas, a falta de disciplina e tamén a sobreprotección porque pasamos dun estilo educativo eminentemente autoritario a outro demasiado permisivo, ese é un tema que está sempre nas reunións. -¿Que hai de bo e de malo nesa evolución? -De positivo, hai máis comunicación entre pais e fillos. De negativo, un estilo demasiado permisivo; falta autoridade, que non é igual que autoritarismo. Temos que ser capaces de ter unhas normas na casa e que se cumplan, dánselle demasiadas cousas aos fillos e esíxeselles pouco, os pais otórganlle demasiado papel aos profesores cando o certo é que, se non hai disciplina na casa, tampouco a haberá na escola. Nas casas falta autoridade e falta explicitar as normas para que os nenos as comprendan e as asuman.