«O ciclismo é integrador»

La Voz

OURENSE

PILI PROL

MAR GIL O CRONÓMETRO José Mayo, delegado da Organización Nacional de Cegos en Ourense

17 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Ourense será meta e punto de partida das dúas primeiras etapas da «II Volta a Galicia de cicloturismo en tandem», que este sábado parte de Lugo. A chegada á Alameda de Ourense desta competición ciclista para invidentes está prevista para ás dúas da tarde. O domingo a saída será ás nove da mañá da Praza Maior. José Mayo, delegado da Once en Ourense, ultima os preparativos para a recepción. -¿Hai presencia ourensá na Volta? -En total participan quince bicicletas, cada unha con dúas persoas, un vidente e unha persoa cega, pero non haberá ningún ourensán. Un dos motivos de que Ourense sexa fin de etapa é, precisamente, fomentar entre os nosos afiliados a participación neste deporte porque medios temos pero non hai moita afición. -¿É unha actividade cara? -Si, unha bicicleta anda en torno a medio millón de pesetas, son moi modernas, de carbono..., pero nestes momentos en Ourense temos un tandem que utiliza un señor, aínda que non fai práctica deportiva seria. A organización está disposta a facilitarnos dous ou tres máis sempre que teñamos xente que queira participar. -¿Cal é a función integradora do ciclismo en tandem? -Hai xa bastantes anos que o ciclismo en tandem vén sendo practicado polas persoas cegas; de feito celébranse campeonatos mundiais, europeos, nacionais e interterritoriais e a Once alcanza en todos eles clasificacións moi brillantes. O guía é unha persoa vidente, normalmente deportistas de clubes ciclistas que colaboran con nós; aí xa hai un labor de integración importante. Ademais, é unha práctica deportiva moi bonita e propicia que se fagan actividades, como percorridos turísticos, que doutra maneira non se farían.