Dolmen recibiu a medaia de Ouro do Liceo de Ourense pola súa traxectoria cultural dende 1991 Polos seus dez anos de actividade, polos méritos a prol da poesía e da cultura e pola colaboración feita co Liceo de Ourense, esta centenaria institución concedía onte a Medaia de Ouro ó Grupo Dolmen. María do Carmo Lorenzo recolleu o diploma máis a insignia, máxima distinción do Liceo, no Salón Noble. Foi unha tarde para a sensibilidade que brota das verbas ben rimadas. Poucas veces, é ben certo, a poesía se convirte en motivo de festa. Pois onte aconteceu en Ourense.
08 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Teresa Devesa dicía que o premio supón un recoñecemento a unha carreira común. Os seis membros de Dolmen non reducen a súa actividade a Ourense. Xa estiveron en Madrid, en Segorbe e irán a Ponferrada. Eduardo González Ananín, poeta, confesaba ter pudor por non estar acostumbrado «a estas cousas». Víctor Campio non ocultaba estar abraiado a pesares de que non é home de homenaxes. «O Liceo sempre que necesitamos algo tivémolo ó noso lado, Tamén esta homenaxe ten que ser recíproca». Tan pouco lle gustan as homenaxes a este home que non houbo xeito de facelo subir a recolle-la medaia. Nin el nin Ananín. Marifé Santiago, unha das fundadoras, fixo unha andaina polos cafés e demáis locais literarios polos que pasou Dolmen vertendo rimas. «Grupo de nobles seres humanos que enseñan el inagotable poder del arte», dixo deles. O profesor Manuel Zabal percorreu as entrañas de Dolmen. Millán Picouto pediu ós homenaxeados que con este recoñecemento non acabe a súa vitalidade, «que perseveren no seu traballo que tanto necesitamos».