O San Vitorio máis verbeneiro

REDACCIÓN O CARBALLIÑO

OURENSE

Devoción relixiosa, música, e deporte centran o programa das festas patronais en Maside

25 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O San Vitorio, avogado das enfermidades reumáticas, someterá a tódolos veciños de Maside a unha terapia de deporte e baile como remedio de todo mal. Aínda que, iso si, quen o queira facer terá que cumplir coa pertinente devoción ó santo patrón. É que se alguén pensaba que o que se leveba este ano eran os macrofestivais tipo Ortigueira, estaba moi equivocado. O santo ven, un ano máis cunha ración de festa tradicional: procesión, misa, gaitas e verbena ata altas horas. Se a fin de semana anterior o Puzo do Lago era escenario da celebración da Festa do Cabalo, os días seguintes serviron para proxecta-los filmes Wild Wild West, Babe, un cerdito en la ciudad, e Notting Hill na programación da Semana do Cine. A celebración do San Vitorio porá pois o colofón a esta semana festeira cos ingredientes que a caracterizaron estes anos: devoción e deporte, acompañados nesta ocasión dunha boa dose de música, como non podería ser menos. A comisión de festas, integrada coma o ano anterior por José Ríos, Manuel Álvarez e David García, confeccionou cos tres millóns e medio de orzamento co que se conta para esta edición un programa de festas pensado para contentar a tódolos sectores que conviven en Maside. No que respecta ó deporte, disputarase un torneo de fútbol-sala entre o sábado e o domingo. Tamén se xogará un triangular, aínda que está sen confirmar, no que participarán o equipo local e dous conxuntos convidados máis.