En xaneiro de 1995, Christa Pike participaba nun programa do estado de Tennessee destinado a proporcionar a mozos de baixos ingresos educación e capacitación profesional. Alí estaba tamén o seu noivo, Shipp, e dúas compañeiras, Colleen Slemmer e Shadolla Peterson. Christa sospeitou que Slemmer intentaba quitarlle o noivo e, pese á negativa desta e doutras amizades, decidiu vingarse. Co pretexto de ir buscar marihuana, levou a Slemmer a un descampado e torturárona, segundo datos da autopsia, entre trinta minutos e unha hora. Fixéronlle cortes cun coitelo por todo o corpo, graváronlle no peito cun coitelo unha imaxe satánica e golpeáronlle o cranio ata rompelo. Christa gardou un anaco do cranio, que mostraba a outras persoas, orgullosa da súa fazaña. O crime descubriuse porque un dos gardas advertiu que saíran de recinto catro persoas e só regresaran tres. Christa tiña 18 anos cando cometeu o crime, 20 cando a condenaron á morte en 1996. Agora, no 2026, ten 50 anos. Leva trinta no corredor da morte. En setembro intentaron executala con dúas doses de pentobarbital inxectadas en vea, desatendendo as indicacións do médico que asegurou que as súas veas, moi finas, non resistirían as inxeccións. O fármaco saíuse da vea, queimoulle os brazos e deixouna inconsciente noventa minutos. A execución converteuse nunha longa tortura. Declarárona morta e trasladárona a un hospital, onde espertou preguntando: «Onde estou?». Na súa condena non se tivo en conta que na súa infancia e adolescencia sufriu violacións reiteradas. Agora atópase esposada e suxeita con correas nunha cama, sen saber se volverán executala ou a enviarán ao cárcere.
E para completar horrores: a execución dun exoficial do Exército dos Estados Unidos está prevista para o 23 de decembro e o Pentágono anunciou que será retransmitida en directo.
Sempre digo que o conto por se a alguén lle fose de utilidade, pero nesta ocasión creo que só servirá para compartir a sensación de caos en que vivimos.