Volver

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

La banda irlandesa U2 actuó en el acto
La banda irlandesa U2 actuó en el acto Octavio Guzmán | EFE

Moi probablemente, nos segundos anteriores á morte, habemos pensar na infancia, na casa primeira. As enfermeiras falan de que moitos, na agonía, repiten o nome da nai buscando o acubillo no seu peito. Nas enfermidades tipo alzhéimer, hai unha volta aos poucos á infancia. Os que tivemos trato con doentes desta cruel enfermidade sabemos o tópico porque é certo: vólvense coma nenos.

Gustamos de nos xuntar co s amigos de sempre e botar a ollada atrás.Escoitar a nosa música (por iso, as emisoras de radio de FM só programan música doutras décadas); ata hai cruceiros temáticos que, dalgún xeito, nos fan vivir a ficción de que estamos atrapados nun tempo que coidamos feliz.

A vida é un círculo que se pecha cando volvemos. Podemos viaxar polo mundo adiante que ao final pertencemos a ese anaco de terra onde demos os primeiros pasos, os primeiros bicos e soñamos os primeiros soños. Ramón Otero Pedrayo escribiu Arredor de si, e no básico é o que nos aprendeu: Adrián Solovio, o protagonista, quería coñecer o mundo, pero, ao final, o mundo era Galicia.

Cando Antonio Banderas recibiu o seu Goya Honorífico no 2015, deu un fermosísimo discurso no que, logo de repasar os seus éxitos no cine español e, sobre todo, como estrela de Hollywood, dicía que en todos e cada un dos proxectos que aceptaba, pensaba primeiro en que lle parecería á xente do seu barrio, que pensarían os amigos e amigas cos que medrou naquelas rúas da infancia. Os mesmos Beatles, conquistadores do mundo, ás veces, non facían certas cousas porque «a saber que pensarán de nós en Liverpool», e cando McCartney estreou a súa primeira obra clásica, o Liverpool Oratorio, a súa única preocupación era que a súa familia, os seus tíos e tías, estivesen cómodos e lles gustase.

Todo isto vén a conto de que o mítico grupo irlandés U2 vén de dar un concerto no seu colexio da infancia, medio século despois. No patio da escola onde soñaron un día con ser estrelas do rock and roll, acenderon as guitarras e tocaron o seu repertorio diante dos ollos alucinados dunha rapazada de uniforme que, por suposto, tamén ten os seus soños, as súas esperanzas, as súas ideas sobre como será o futuro.

Agora que imos cara a un mundo inmediato onde a golpe de clic e intelixencia artificial todo se vai facer sen concurso humano, apetecíame lembrarlles algo que é importante: que sempre somos eses nenos e nenas que un día aprendemos a atar os zapatos, a coller ben os cubertos, todas esas cousas domésticas. Esas persoas que un día marcharon da casa e que, fagan o que fagan, sempre desexan volver.