Da miopía á presbicia

Pedro Puy
pedro puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

Parque de Galeras, en Santiago, afectado pola seca.
Parque de Galeras, en Santiago, afectado pola seca. JACOBO RODRIGUEZ

Contaba Goscinny que un día ao saír da súa casa tropezou cun señor que ía moi cargado. A causa do tropezón, un fatado de feixóns arrolaron polo chan. O xenial creador de Asterix, Lucky Luke ou Iznogud, a quen esta semana lembramos polo centenario do seu nacemento, sorprendeuse cando ao axudarlle a recollelas o home lle explicou que formaba parte do grupo de persoas previsoras que mercan legumes, pasta, aceite ou fariña cada vez que a situación política se volvía preocupante. De feito, o seu tendeiro, que seguía a política de preto, advertíalle cando albiscaba algún risco, fose a independencia de Alxeria, o maio do 68, ou a dimisión do Xeneral (De Gaulle, obviamente).

Calquera que se dea un paseo polo rural galego pode comprobar que ao carón de casas e prados é habitual atopar corgos, lagas ou pozas, moitas delas xa de formigón para evitar filtracións. Na aldea sábese que no verán pode faltar a auga e que por moito que chovera no inverno unha seca prolongada no verán e no outono pode estragar a mellor das colleitas. Pero semella que a mentalidade previsora perdeuse (non só en Galicia) no salto do rural ao urbano, ou, o que vén sendo o mesmo, na inevitable transición da sociedade agraria á de servizos, e a correspondente e necesaria transición do autoconsumo á provisión pública de bens como a auga.

No seu día, o economista James Buchanan xa nos advertira de que, en democracia, a acción política e as decisións públicas tenden a centrarse no curto prazo. O ciclo electoral condiciona, en votantes e responsables públicos, o programa de políticas a desenvolver e o balance que delas se fai nas urnas. Poucos votantes, e por tanto poucas veces os seus representantes, teñen en mente a importancia e consecuencias das actuacións políticas a longo prazo, falemos da débeda pública e o seu constante crecemento, da sostibilidade das pensións no futuro ou das infraestruturas enerxéticas ou hidráulicas. De aí que Buchanan falara da miopía como unha das fallas implícitas nos sistemas democráticos; unha falla corrixible sen abandonar a democracia mediante a construción de consensos e pactos sobre as políticas de longo prazo. É posible. Non só Mao, Nasser ou Franco fixeron encoros, o monumento a Franklin Roosevelt en Washington recorda, coas súas catro fervenzas e numerosos cachotes, as grandes obras hidráulicas que se fixeron nos seus mandatos presidenciais.

A Goscinny (Do panteón a Bos Aires, 2007) tamén lle sorprendeu saber que o home que acumulaba feixóns odiábaos, pero que os amoreaba por ser aptos para almacenar. Moitas das decisións que hai que adoptar en democracia poden resultar difíciles no curto prazo, falemos de novo de gasto público e débeda, de pensións, ou das infraestruturas enerxéticas ou hidráulicas. Pero hai que mirar ao lonxe de cando en vez, e de ser necesario facelo cunhas gafas coas dioptrías axeitadas. Aínda que no caso das infraestruturas hidráulicas, para saber o remedio e en Galicia, pouco máis hai que facer que darse unha volta por calquera aldea e contar os corgos, lagas ou pozas que ten na súa contorna. Non descartemos que tamén haxa que recorrer ás gafas, neste caso pola presbicia que impide ver as solucións que xa temos dediante. Ou nos aprovisionamos das actitudes e dos lentes axeitados, ou teremos que poñernos, ao igual que o home que tropezou con Goscinny facía cando a situación política se volvía preocupante, a acumular legumes, pasta, fariña... e auga embotellada.