Deixen ás nenas en paz
OPINIÓN
Ningún neno, ningunha nena ou adolescente deberían verse na necesidade de fuxir do seu país, nin de separarse da súa familia. Non é algo normal. Non é natural. Os seres humanos nacemos cun impulso innato a vincularnos coas nosas figuras parentais para asegurar a nosa supervivencia. Desde que nacemos desenvolvemos coas nosas persoas coidadoras principais un vínculo emocional que a psicoloxía define como apego: buscamos protección, seguridade e consolo cando sentimos medo. Por iso, que nivel de perigo ou desesperación ten que darse para que unha persoa en desenvolvemento abandone a súa casa, o seu barrio e as relacións que sosteñen a súa seguridade, afastándose precisamente de quen debería protexela?
Non fai falta teorizar. Abonda con escoitar. Escoitar os mozos e mozas cos que traballamos no sistema de protección. E a palabra precisa é fuxir, non emigrar: fuxir nunha patera, nos baixos dun camión, cruzando unha fronteira para chegar a un lugar seguro. Ou escoitar as nenas chegadas a Ceuta, que relatan situacións de abuso sexual ou ameazas de matrimonios forzados.
Quen traballamos nos servizos sociais coñecemos o impacto do desarraigamento e o que supón acompañar nenos, nenas e adolescentes que tiveron que abandonar o seu contorno para sobrevivir. Sabemos que ninguén foxe porque quere. Por iso resulta devastador asistir ao que está acontecendo en Ceuta e comprobar como se vulnera a normativa de protección dos menores. España dispón dun marco legal avanzado en materia de dereitos da infancia. O interese superior do menor non é unha declaración de intencións: é unha obriga. Todo neno ou nena que pisa solo español ten dereitos, independentemente da súa orixe ou situación documental. E a protección destes menores é unha competencia autonómica.
Resulta incomprensible escoitar que estas nenas estarían mellor coas súas familias ou no sistema de protección do seu país de orixe. Se estivesen seguras alí, por que fuxiron? Quen abandona o seu fogar cando se sente a salvo? Abonda con observar as nosas propias fillas cando teñen medo: a quen buscan, a quen chaman, onde corren para abrazarse. A única diferenza entre elas e estas nenas é o lugar no que naceron.
Quen fala de repatriación coñece a lexislación. Sabe que non se pode devolver unha nena cando non se garante a súa seguridade. E sabe que estas nenas chegaron buscando aquilo que para as nosas fillas damos por descontado: seguridade, escola, futuro e capacidade para decidir sobre a súa propia vida. O dereito a non ser violadas. A non ser obrigadas a casar. A vivir con liberdade e dignidade.
E tampouco é casual que quen cuestiona a súa acollida pregunte despois: «Onde están as feministas?». Estamos onde sempre: traballando, coidando, organizadas nos barrios, nas anpas, nos colectivos sociais e LGTBIQA+, nos medios e nas institucións. E tamén en Ceuta, acompañando estas nenas.
Todas temos unha responsabilidade: as profesionais acompañando; as organizacións sociais sostendo; as feministas denunciando; e as institucións poñendo recursos e facendo cumprir as leis. Porque quen estamos na política tamén temos unha responsabilidade: conseguir que os dereitos que defendemos se cumpran.
A infancia vulnerable non pode converterse en munición partidista. Deixen ás nenas en paz. Non precisan que discutamos sobre as súas vidas. Precisan que os seus dereitos se cumpran.