As redes sociais poden asaltar fronteiras, atravesar países en segundos e unificar millóns de pantallas. Podemos saber que pasa a miles de quilómetros antes ca na nosa casa. E, con todo, o 12 de agosto fixemos algo moito máis sinxelo: miramos o ceo.
Millóns de persoas detivemos durante uns minutos a nosa actividade para observar o mesmo fenómeno. Non porque o decidise un algoritmo, senón porque estaba alí, sobre as nosas cabezas, acontecendo para todos.
Quizais por iso emocionou tanto.
Vivimos rodeados de pantallas que deciden que merece a nosa atención. Cada persoa recibe unha realidade diferente, feita á medida dos seus gustos, buscas e hábitos. Compartimos espazos pero miramos cousas distintas.
E, de súpeto, a Lúa puxo a todos de acordo.
Non houbo algoritmo que seleccionase a imaxe, non era personalizable, nin necesitaba comentarios ou compartila para que existise e facela importante. Estaba alí arriba, sucedendo.
Si, moitos levantaron o móbil para gravar. Pero esta vez a pantalla non era o destino, era apenas un intento de conservar o que estaba acontecendo diante dos nosos ollos.
Mirar o ceo devólvenos algo que ás veces esquecemos: somos humanos. Seguimos sendo capaces de sorprendernos ante algo que non fabricamos, non controlamos e non podemos adaptar aos nosos gustos.
A eclipse lembrounos que existen experiencias que non pertencen a ningunha plataforma, que non necesitan espectadores porque somos parte delas. E que, ás veces, para volver atoparnos, abonda con levantar a cabeza e mirar xuntos.