Aínda que os gregos sabían explicar as eclipses cientificamente, non renunciaron á marabillosa poesía que se agocha tras o téras ('prodixio''): Helios, aterrado pola maldade, a cobiza e os crimes dos humanos, apartaría a ollada e decidiría abandonalos por un tempo. Iso significaba exactamente a palabra grega ékleipsis: 'abandono'. Nada que ver coas sombras nin coas proxeccións, nin coa ira ou o castigo tan propios do deus xudeocristián, máis mandón cós gregos. A eclipse non era máis ca un xesto avergoñado do Sol, incapaz de ver en que nos convertemos e de seguir conducindo o seu carro, que, disque, descarrilaba en cada eclipse.
Coma Arquíloco, coma Píndaro, coma Anaxágoras e Aristóteles, tamén eu quedei fascinada diante da eclipse e a súa reviravolta que nos achega, nun suspiro, a séculos pasados e futuros de designios que van alén do científico e nos confrontan coas nosas íntimas aspiracións cósmicas. Iso é a divindade: o prodixio que provoca un saber abstracto, máis alá da ciencia e do misterio cuántico que tanto se achega ao misterio astronómico. Ante o frío estarrecedor do día convertido en noite, mentres os paxaros deixaron de cantar e Selene paseaba proxectando a súa sombra sobre o mar do Orzán, voou sobre nós, en forma de brisa, a idea de que ninguén volvería ver o prodixio da vergoña da natureza polos nosos crimes, diminutos seres malignos, pero marabillados. Entendín entón esa vella idea bíblica da apocalipse, que en grego non significaba 'catástrofe', senón só 'revelación'.
Claro que dubido de que ninguén alí aprendese nada transcendente, pendentes como estaban de poñer en Instagram todas esas imaxes que lle demostraron a Helios que a súa vergoña non abonda diante da capacidade humana para fachendear da súa propia estupidez.