Feiras do libro

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

Julio Camba, que aborrecía escribir e ler, confesoulle a César González-Ruano que na súa vida só odiara «a ese miserable que inventó la imprenta». Odiouno? Pode que si, e para se vingar del fixo unha folga á xaponesa e publicou miles de artigos tan enxeñosos e divertidos que o converteron no autor español máis lido do seu tempo, ademais do mellor escritor, en opinión de Ortega y Gasset. Nas feiras do libro está un Camba, felizmente redescuberto e reeditado nos últimos anos, con outros autores de éxito que veneran o nome do inventor da imprenta. E está, claro, a tribo de lectores que acoden ás casetas coa mesma gula coa que outros acoden ás feiras da alimentación. Non é para menos. Ler aliméntanos a curiosidade, que é a primeira etapa no proceso de aprender. Hai moitos anos que para min ler é descifrar, entender, e non concibo a vida sen lecturas. O libro é unha fiestra aberta á luz do mundo, a chave que libera a imaxinación, o fío conductor da sabedoría humana. Por iso, son parte da tribo e acudo á chamada dos libreiros que arranxan entre xardíns as cidadelas da palabra escrita en papel.

Claro que tamén hai libros malos, publicitados como xoias literarias. Carlos Casares coleccionábaos e eu deille varios. Un día falaba diso con outro escritor galego e contou que tiña un andel cheo, e a muller do escritor respondeulle enrabechada: «Pois se cadra tamén nós temos algún teu!». Se Carlos vivise hoxe, enriquecería a colección co último libro de Suso de Toro, unha parvada sen xeito e sen máis fin ca manchar o nome de Ramón Piñeiro, na campaña que o nacionalismo radical empezou hai décadas contra o galeguismo non marxista. Pero hai libros bos, moi bos, e moitos. Un dos máis esperados era o titulado Cunetas, editado por Alvarellos, que recolle os poemas de Luis Pimentel recordando o horror da represión cos fusilamentos e paseos de tantos amigos. Pimentel, médico de profesión e home extraordinariamente sensible, oía, arrepiado, desde a súa casa en Lugo, o estrondo das detonacións na contorna do cemiterio, e ata o 1947 non puido expresar os sentimentos poeticamente. Presentárono na Feira do Libro da Coruña o editor e os escritores Claudio Rodríguez Fer e Xurxo Martínez González, e fixérono moi ben, porque neste tempo de paixón política hai o perigo de que Pimentel pase a ser valorado só por estes poemas de denuncia, e eles deixaron claro que Dámaso Alonso, Jorge Guillén e Vicente Aleixandre admiraron a súa poesía intimista e fondamente lírica, que se impón tamén nos versos da «poesía social»:

Cunetas con hierba dócil, con verde agua.

Grava irisada, piedras preciosas.

Tumbas son hoy las cunetas.

Hay manos en garra entre la hierba triste.

Los muertos

llevan un escapulario de piedra

con el número del kilómetro.

Vagar pola Feira do Libro é , case case, coma visitar o Parnaso.