A xenerosidade, cando se orienta con visión, continuidade e sentido de país, pode converterse nunha forza transformadora mobilizando recursos e confianza ao servizo do futuro colectivo. Poucas traxectorias expresan mellor esta idea cá da Fundación Barrié.
Moitas das estruturas de coñecemento e formación do país naceron nun tempo de grandes necesidades e escasos recursos públicos. Galicia quería modernizarse, pero non sempre dispoñía dos medios necesarios. Nese contexto, foi decisiva a capacidade de anticiparse e actuar alí onde había talento, mais faltaban estruturas e financiamento.
Un exemplo sobranceiro foi o apoio ás ensinanzas técnicas superiores, coa construción e equipamento da Escola de Arquitectura da Coruña e a Escola de Enxeñeiros Industriais de Vigo. A fundación asumiu durante cinco anos as nóminas do profesorado, facendo posible o seu funcionamento e contribuíndo ao desenvolvemento de ambos os campus.
A mesma visión inspirou iniciativas como o Centro de Cálculo Barrié de la Maza, o Instituto Universitario de Ciencias Neurolóxicas ou o Instituto da Lingua Galega, esencial para o coñecemento científico do galego. Expresouse tamén no apoio ás reais academias galegas, entre elas, a RAGC desde os seus inicios.
No ámbito do patrimonio, as intervencións na catedral de Santiago son especialmente significativas. A restauración do pórtico da Gloria, a reconstrución do coro pétreo do mestre Mateo e a recuperación de espazos vinculados á memoria artística de Galicia foron actos de responsabilidade histórica.
Especial relevancia tivo a confianza no talento novo. O programa de bolsas permitiu que mozos e mozas galegos se formasen en centros internacionais de referencia, cun efecto multiplicador na universidade, na empresa, na medicina, na investigación e na cultura.
Esa traxectoria demostra que a filantropía, cando está guiada por unha visión de país, pode ser unha forza transformadora. Sen substituír as institucións públicas, pode abrir camiños, anticipar necesidades, asumir riscos e facer posible aquilo que, doutro modo, chegaría tarde ou non chegaría nunca.
Por todo iso, a Real Academia Galega de Ciencias decidiu concederlle á Fundación Barrié a súa primeira Medalla de Ouro. A distinción, coincidente co sesenta aniversario da fundación, recoñece unha forma exemplar de mecenado e unha traxectoria fundada na convicción de que educación, ciencia, cultura e patrimonio son piares dunha sociedade moderna. Galicia ten unha débeda de gratitude coa fundación. Poucas institucións civís contribuíron tanto á modernización e ao progreso do país. Recoñecela é recoñecer unha forma silenciosa, constante, eficaz e profundamente xenerosa de servir a Galicia.