O dereito humano a non emigrar

Iván Balsa PROFESOR NA FACULTADE DE DEREITO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

María Pedreda

Finalmente temos algunhas cifras reais do intento de regularización de inmigrantes do actual Goberno. Polo visto, case triplican as previsións. España, ao revés có resto de Europa, determina abrir portas e bolsas para acoller a quen, polo visto, xa está aquí (regularízase a residencia de estranxeiros). Os outros países da contorna intentan repatriacións e, incluso, pórlle as cousas máis complicadas a certa inmigración: véxase Portugal, aprobando lexislación contra o veo islámico, que tivo que suavizar; ou Bélxica, prohibindo sacrificios rituais para cerimonias relixiosas, apelando á orde pública.

Bandazos sen sentido e que non gardan un mínimo de respecto aos dereitos das persoas, inmigrantes ou non.

En España, o discurso é totalmente distinto: o inmigrante non abrirá unha notaría, non será enxeñeiro ou cardiólogo, nin ocupará un consello de dirección. Pero din os nosos gobernantes que recollerá o amorodo en Huelva, poñerá copas, atenderá os nosos maiores e nos limpará a casa. Oficios que, polo visto, a poboación de aquí non quere. Ademais, por poucos cartos, contribuíndo a un aumento fenomenal do PIB.

Non precisan médico nin servizos sociais: son novos. O tema da vivenda está case resolto: xa viven aquí e, no mellor dos casos, en pisos patera, onde case comparten camas quentes, coma nun submarino. Acoden a bancos de alimentos, Cáritas, comedores e roupeiros sociais, onde a solidariedade alivia a falta de ingresos e estado social. Os empresarios están de acordo, e a ministra de Traballo tamén: por fin se regularizará a súa situación. Habería que preguntarlles a empresarios e ministra cal é o porqué de que estas persoas estean, despois de tantos anos, traballando sen contrato nin cotizar: algúns incumpren a normativa, e outra incumpre a súa elemental responsabilidade.

Efectivamente: todo o mundo ten dereito a emigrar. A saír do seu país buscando un futuro mellor para si e os seus. O que non ten é o dereito a que o reciban en calquera lado e sen ningunha condición. E o que é moito peor, indigna que se aproveiten del para que suba o PIB, se cubran traballos con baixos salarios, e o seu sacrificio non faga máis ca prexudicalos a eles e aos demais.

Non son nada marxista, pero non queda outra que citalo. Nunha carta (1870) de Marx a Sigfrid Mayer e August Vog di, acerca da inmigración irlandesa a Inglaterra: «Irlanda está entregando constantemente excedentes ao mercado laboral inglés, dada a crecente concentración de alugueiros, reducindo así os salarios e a posición material e moral da clase obreira inglesa».

E queda outro punto: se a acollida da inmigración se xustifica en ter man de obra barata, sen ter en conta moitos outros extremos importantísimos coma o seu benestar, a súa verdadeira integración, a súa futura cobertura de necesidades en materia sanitaria e de coidados, e unhas condicións de traballo e salarios dignos que lles permitan unha vida plena e independente..., tal acollida é unha ofensa. Coma se for acoller xente nunha especie de neoescravitude.

Facemos mal en lavar certa mala conciencia acollendo así, coma quen fai un favor. Un favor real, como di o cardeal Robert Sarah, sería evitar que África se baleire da súa xuventude. Igual hai que comezar por axudar en orixe e non repartir aquí as migallas: contribuír a un dereito humano a non ter que emigrar.

Todo isto á marxe do sucedido en Ceuta, que vén afondar na ignominia aos dereitos humanos.