Luns, setembro

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

 Varias persoas refréscanse nas augas do Avia, ao seu paso por Leiro (Ourense)
Varias persoas refréscanse nas augas do Avia, ao seu paso por Leiro (Ourense) Brais Lorenzo | EFE

Non pasou nin unha semana e o mundo volve a ser o mesmo lugar convulso que xa era antes da Copa do Mundo. Por un momento, o que durou cada un deses partidos, especialmente o da final, unha boa parte da poboación esqueceu os outros problemas que nos asoballan para centrarse nun balón, nuns xogadores, nunha idea. E aínda que non son das que seguen ningún deporte, hei de recoñecer que hai algo fascinante no xeito que temos de conxelar o tempo, de parar o mundo, cando acontece un evento deportivo extraordinario, coma a FIFA World Cup. Pero o pasado luns chegou coma chega sempre, cheo de titulares sobre guerras, ataques, inxustizas, corrupción. Cheo de insultos, queixas, xuízos. Por un segundo esquecemos todo iso, para logo decatarnos de que a vida segue. Porque a vida segue, con ou sen vacacións. E nuns días rematará xullo para dar paso a esoutro mes no que, ao igual que pasou coa final, parece que se conxela o tempo, polo menos neste Ourense meu, onde a vida vai a medio gas no mes de agosto, e calquera xestión resulta imposible de completar até setembro. Un setembro que chegará coma chegan os luns, cheo de présas, cansazo e titulares que nos lembran o peor da condición humana. Que difícil é ás veces non pensar nese luns inalterable, nese agosto, nese setembro, e estar aí onde estás, «corpo e alma, xuntamente». Desfrutar desas xudías, desas cirolas, deses tomates e deses pementos da casa que che acaban de traer as túas veciñas, e sentirte afortunada por simplemente poder sentar á mesa cos teus seres queridos a saborear as moitas cousas pequenas e fermosas que nos trae o verán, coma por exemplo saír a camiñar co Xan e a Bimba unha vez entrada a noite.