Nos últimos anos, a saúde mental ocupou un espazo cada vez máis visible no debate público. Fálase con maior naturalidade de ansiedade ou depresión, comeza a falarse dalgúns trastornos psicóticos ou de prevención da conduta suicida, e, aínda que quede moito camiño por percorrer, avánzase na redución do estigma, o que contribúe a que as persoas pidan axuda.
Hai problemas individuais que requiren medidas individuais, enfermidades que requiren respostas asistenciais, pero debemos ter presente que se moito do sufrimento é social, as respostas non poden seguir sendo individuais, reatribuíndo a orixe do malestar ao individuo. A crenza de que cuestións como a soidade, o desemprego ou a vivenda son so individuais oculta a necesidade de solucións estruturais e comunitarias, pois a saúde mental está fondamente condicionada polo contexto no que vivimos.
Disciplinas relacionadas coa saúde mental como a psiquiatría ou a psicoloxía experimentaron importantes avances no diagnóstico e tratamento dos trastornos mentais. Cada vez disponse de mellores ferramentas terapéuticas, de maior coñecemento científico e especialización. Pero ningún tratamento pode despregar todo o seu potencial se a persoa regresa a unha realidade marcada pola soidade, a precariedade económica, a falta de vivenda, o desemprego, a violencia ou a ausencia de redes de apoio. Esta idea non é recente: en 1905, grazas ao doutor Richard C. Cabot, considerado polas súas aportacións o precursor histórico do traballo social sanitario en saúde mental, incorporouse á primeira traballadora social no Massachusetss General Hospital de Boston, para integrar os factores sociais e emocionais no diagnóstico. Cabot defendía que para comprender a enfermidade dun paciente o médico precisaba coñecer o seu contexto socioeconómico, laboral e familiar.
A evidencia é clara: os determinantes sociais da saúde inflúen de maneira decisiva no benestar psicolóxico. Non abonda con aliviar os síntomas se non se abordan as circunstancias que os agravan ou dificultan a recuperación. Unha persoa pode recibir o tratamento farmacolóxico máis axeitado e atopar enormes obstáculos para reconstruír o seu proxecto de vida se carece de recursos básicos ou de oportunidades para participar plenamente na sociedade.
Aquí, o traballo social desempeña un papel relevante: avalía as necesidades sociais, fortalece as redes familiares e comunitarias, orienta no acceso a prestacións e acompaña procesos de recuperación que dificilmente poderían sosterse exclusivamente desde a clínica. A recuperación en saúde mental tamén implica recuperar autonomía, relacións significativas, esperanza, capacidade para tomar decisións e un lugar na comunidade.
O envellecemento da poboación, o aumento da soidade non desexada, as dificultades de acceso á vivenda, a incerteza laboral, o impacto das redes sociais en adolescentes ou as desigualdades sociais presentan novos desafíos para a saúde mental. Ningunha desas cuestións pode resolverse so desde unha consulta médica. Falar de saúde mental é falar de políticas públicas, de educación, de emprego, de urbanismo, de servizos sociais e de comunidade. É recoñecer que as persoas non enferman nin se recuperan no baleiro, senón en entornos que poden protexer ou, pola contra, aumentar a súa vulnerabilidade. Debemos abandonar a falsa dicotomía entre o sanitario e o social, pois ambos ámbitos forman parte dunha mesma resposta.
Máis alá do diagnóstico, sempre hai unha persoa cunha historia, e un futuro que merece ser acompañado.