Volver a voltar

Eduardo Maragoto EXPRESIDENTE DA AGAL (ASSOCIAÇOM GALEGA DA LÍNGUA)

OPINIÓN

Aficionados do Celta durante un partido en Balaídos.
Aficionados do Celta durante un partido en Balaídos. XOÁN CARLOS GIL

Os dicionarios en liña admiten cada vez máis estranxeirismos. E menos mal, porque doutra maneira non conseguirían acompañar á lingua que representan. No galegos temos centos de castelanismos, por exemplo bombilla, en bo galego lámpada; ou galicismos, como naíf, que significa inxenuo; ou anglicismos, como test, que significa proba. En realidade, aínda que falemos de galicismos ou anglicismos, todas estas palabras son en certa medida castelanismos, porque entran na lingua a través do castelán e, por iso, adoptan a forma e o significado que teñen no conxunto de España. Dito doutra forma, os nosos anglicismos son idénticos aos empregados en Valencia, mais non necesariamente os mesmos de Valença.

Porén, en Galiza existe un caso de incorporación de estranxeirismos claramente autónoma do castelán. Trátase de palabras que comezan a circular na nosa fala tras chegaren pola vía literaria ou a través das persoas que coidan o galego con máis esmero. Son os chamados lusismos. E, paradoxalmente, sendo dos poucos estranxeirismos que chegan ao galego sen intermediación española, son tamén dos que encontran maiores dificultades para seren admitidos polos nosos dicionarios. Parece haber aquí un prexuízo ideolóxico que a nosa lexicografía debería evitar.

Poño algúns exemplos. Son xa de uso moi común no galego coidado palabras como cartaz, que significa cartel; crianza, co valor de neno; ou inquérito, por enquisa. Estes termos teñen aspecto institucional e moderno, mais hai outros que os dicionarios rexeitan por seren lusismos e que, con todo, sempre estiveron entre nós. A maioría dos galegos sorprenderíanse se lles dixesen que perto, ciúmes, bochechas ou voltar non constan nos nosos dicionarios.

A distancia entre o uso real e o recoñecemento normativo vese ben nun caso recente. O lema empregado polo Celta para celebrar o seu regreso ás competicións europeas en 2025 foi «Voltar a Europa», estilización de un anterior «Soño con Voltar a Europa». Imaxino que alguén reprocharía ao Celta semellante crime de lesa lingua. Mais o equipo vigués, nun xenial exercicio de retranca galega, decidiu darlles a razón aos demandantes sen renunciar á súa propia, e no 2026 reciclou o verbo nun «Volver a Voltar» que nos define non só lingüisticamente, entre a hispanofonía e a lusofonía, senón tamén psicosocialmente, no medio da escada: nin para ti nin para min.