Cuba no corazón

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Participantes nunha manifestación da Plataforma Antiimperialista en La Habana, este 22 de maio.
Participantes nunha manifestación da Plataforma Antiimperialista en La Habana, este 22 de maio. Joaquín Hernández / Xinhua New | EUROPAPRESS

O acoirazado Maine, da armada dos Estados Unidos, estoupou e afundiu na baía da Habana o 15 de febreiro de 1898. Morreron 250 tripulantes. Foi o suceso que promoveu a entrada na guerra contra España da potencia norteamericana, que dende había tempo agardaba ocasión da intervir. Dende a prensa sensacionalista (Randolf Hearst) manipulouse a opinión pública a prol de crear o estado de opinión necesario para a actuación militar. Willian McKinley era entón o presidente USA. Neses anos xa estaba activa a chamada Doutrina Monroe (1823), idea do quinto presidente dos Estados Unidos, James Monroe (1817-1825), que inicialmente intentaba impedir a presenza europea no continente mais que axiña derivou cara a unha política de intervención e dominio norteamericano sobre as novas repúblicas: «América para os americanos».

Andando o tempo demostrouse que o afundimento do Maine non foi un ataque do Goberno español contra o acoirazado, que aparentemente acudía á illa con fins pacíficos, senón unha sabotaxe promovida polo propio goberno USA, mesmo sacrificando os seus mariñeiros e soldados. O correspondente do xornal de Randolf Hearst comunicou á redacción que na illa todo estaba calmo, que os abusos dos que falaba a prensa norteamericana non eran certos, que «aquí non pasa nada», mesmo queixábase de aburrimento solicitando volver á redacción de Nova York. «Vostede quédese aí», seica respondeu o propietario do periódico. «Da guerra encárgome eu». O resultado foi que os Estados Unidos fixéronse coa illa ata o ano 1902 e despois instalaron alí os seus intereses, protectorado e gobernos títeres.

Xa con Fidel Castro no poder e derrubado o goberno de Fulgencio Batista, un deses gobernos títeres, de 1961 foi o intento de invasión militar da baía de Cochinos (Playa Girón), con John F. Kennedy no poder, e a derrota dos asaltantes, exiliados cubanos anticastristas asentados en Florida co apoio outra vez do Goberno norteamericano. Eran os avós ou os pais de Marco Rubio, secretario de estado USA e principal inspirador da estratexia do que eles chaman «recuperación democrática da illa». Pouco despois de baía de Cochinos a chamada «crise dos mísiles» abriu unha nova crise na zona, que durante días puxo en alta tensión o mundo. Desta xa teño eu memoria de rapaz, cos barcos soviéticos cruzando o Atlántico para axudar os cubanos e establecer cabezas nucleares da illa.

A resistencia cubana contra as manobras e a forza militar do imperio USA é impresionante. O bloqueo económico é un escándalo que só se explica no xogo de intereses da política internacional, igual de escandalosa. Para os galegos a illa é un territorio case familiar, non só pola pegada que a nosa xente deixou naquelas terras, senón pola lembranza de moitas familias que alá estiveron. Na crónica da cultura e a identidade galega, Cuba ten un papel fundamental, case diría fundacional. A presenza outra vez de barcos de guerra norteamericanos nos mares próximos a Habana, amosando toda a súa potencia de castigo, pon un puño no corazón.