É curiosa a reacción das persoas nunha situación de violencia ou estrés. Non todos actuamos do mesmo xeito.
Gústanos imaxinar que, diante dun perigo, reaccionaremos con dignidade e decisión, e non sempre é así. O outro día, por exemplo, no intento de atentado contra Trump, vimos unha periodista apañar botellas de viño e champaña mentres había xente que se agachaba, berraba ou fuxía. Houbo tamén a escena curiosa dun home que, cun acougo admirable, seguiu comendo, desprezando ese balbordo que, de ningunha maneira, lle ía estragar a súa cea.
Lin en algures que nos primeiros bombardeos dunha cidade había xente que en vez de fuxir cara aos refuxios, ía cara ás fiestras porque quería mirar.
A miña curiosidade sempre foi grande, mesmo hiperbólica, pero eu non sería ningún deses valentes. Souben con apenas seis anos que o medo non é racional, xusto cando vin un home caer de bruzos a poucos metros de min.
Sen saber moi ben por que, mentres a súa máis que probable muller erguía berros de auxilio para que a acudisen, eu sentín que o medo tomaba conta de min e dei en correr a fume de carozo co xeado de limón que viña de mercar na praza Maior e que levaba dereito coma un facho frío. Non mirei para atrás, nin nunca souben se o home morrera dun infarto ou non. O que si sei é que a imaxe segue a me perseguir dende hai máis de cincuenta anos. E lembro que, cando me detiven, xa lonxe do lugar da escena, mirei para o pau espido do xeado, que se derretera e facía esvarar o azucre nos dedos, unha textura pegañenta que se amarrou á pel igual que a culpa á cabeza.
A ironía é que adoitamos xulgar todas estas condutas con certa frivolidade, cando en realidade son mecanismos de supervivencia mental para non colapsar nin entregarse ao pánico. O medo non distingue idades nin contextos. Só quere unha saída. E seguir ceando coma se non pasase nada ou levar un par de botellas poida que sexa un xeito propicio para rexeitar ese mesmo medo.