De «Grândola» ás gárgolas

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Fachada oeste da catedral de Santiago.
Fachada oeste da catedral de Santiago. DENÍS E. F.

02 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A canción de José Afonso aínda nos conmove, desde aquel 25 de abril de 1974 cando, con caraveis na boca dos fusís dun Exército involucrado no cambio, Portugal empezaba unha transición, non sen sobresaltos, que con Mário Soares logrou evitar unha deriva cara ao radicalismo.

A nosa Transición foi distinta. Non temos unha imaxe épico-romántica como aquela, e sufriu as convulsións do terrorismo desapiadado de ETA e tamén dos pistoleiros da extrema dereita, ademais do crítico momento golpista do Exército. A Transición non era tanto monarquía ou república, reforma ou ruptura, como a consciencia e a disposición maioritaria dunha sociedade que, con absoluta xenerosidade, quería implantar e gozar a democracia nun país chamado España, para o que moitos entregamos o mellor das nosas vidas, por riba de credenciais de patriotismo. Por iso, non podemos admitir que hoxe se desprece aquel momento histórico co alcume de réxime do 78.

E da vila de Grândola ás gárgolas de Compostela. Tamén o 25 de abril salta ás primeiras planas a reacción fronte aos disparadores metálicos no hospital dos Reis Católicos. Unha airada protesta, salvo contadas excepcións, que impide chegar ao fondo do que acontece na praza do Obradoiro: erosión, degradación, sales, ventos arremuiñados que azoutan implacables as fachadas, cambios de temperatura, tráfico por momentos excesivo, nun espazo cheo de multitudes animadas e de beleza sublime.

Pero cal é o problema fundamental da arquitectura histórica? Deixar que vaia esvaecendo, como aconteceu con culturas milenarias? Que a afogue a vexetación tan poética, pero que é un grande inimigo da pedra? Substituír as partes danadas con enxertos, molduras e perpiaños novos? Musealizar as pezas máis valiosas substituíndoas por facsímiles? Aplicar unha capa de verniz, como se fixo noutrora na porta das Praterías? O tema é dunha gran complexidade, incluso filosófica. Non cabe outra solución ca afrontalo mediante a observación minuciosa e permanente de filtracións, deterioración de pedra, madeira e metal, con tecnoloxías punteiras, como fai a Fundación Catedral de Santiago.

No histórico Hospital Real estamos ante un problema de deseño do disparador metálico, necesario por outra parte. Estou convencido de que a Administración, a propiedade e o arquitecto atoparán a solución máis axeitada. O máis importante é explicar as dificultades e desafíos cos que se enfronta o patrimonio desde a cultura arquitectónica e artística para dotarnos unha conciencia responsable.