O derradeiro tranco de Carlos Mella

Ramón Villares CATEDRÁTICO DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

María Pedreda

Acaba de finar Carlos Mella, aos seus 95 anos. Unha vida longa agora apagada, que deixa moitos benfeitos para a posteridade. A súa biografía foi unha sucesión de «trancos», como el definía os seus períodos vitais. E así me parece que debe ser visto no futuro. O primeiro foi a etapa de formación intelectual e profesional que cobre os seus primeiros cincuenta anos, en centros educativos de Vigo, Madrid, París e Harvard. Logrou unha formación acaída que cadraba coa que tivo a xeración que en España se transformou intelectual e profesionalmente desde 1959. Pero, en troques, non fixo parte dos reformistas do réxime franquista nin tampouco militou activamente na oposición. Despois de acceder, en 1955, ao corpo superior dos TAC, versión española dos «enarcas» franceses, traballou uns anos nas delegacións provinciais de Facenda e logo foi representante español na OCDE e noutros organismos internacionais, así como exerceu labores executivos no sector bancario ou en empresas públicas vinculadas ao INI.

Un segundo tranco da súa biografía comezou nos oitenta, con Mella presente en Galicia máis ca por razóns profesionais. Comezou daquela a se achegar aos problemas económicos de Galicia, á súa cultura e ao modo de ser dos galegos de nación. E, decontado, á política activa. Só lle faltaba a weberiana vocación, que finalmente chamou á súa porta no verán de 1981, cando foi elixido, na lista da UCD, membro do primeiro Parlamento galego. Os primeiros pasos do réxime autonómico precisaban de persoas ben formadas, pero algo destemidas. Desa caste foron algúns gobernantes daquela altura, e desa xinea era Carlos Mella. Como parlamentario e como gobernante, tomou decisións ben controversas. Entre elas, a negociación da débeda «histórica» do Estado con Galicia (doce mil millóns de pesetas). Perdeu o debate sobre o destino daqueles recursos, abandonou o Goberno Albor, pero non deixou a política autonómica, e foi elixido parlamentario nas listas de Coalición Galega en 1985.

A partir daquela experiencia, afirmouse a súa militancia no galeguismo político, que o levou a defender máis tarde a alternativa dun nacionalismo, moderado, pero firme, que puidese equipararse cos exemplos de Cataluña e do País Vasco, máis evocados ca seguidos na autonomía galega. A diagnose que Mella faría do seu paso pola política galega foi bastante crítica, ao denunciar a fraqueza da conciencia política da cidadanía. A conclusión foi que «non somos inocentes», porque se trata dunha responsabilidade colectiva, nacida desde dentro e non explicable só por culpas alleas, rexeitando o que el cualificou de eivas da política galega, o «utopismo» e o «mesianismo», que consideraba un «anceio utópico, que confía máis nas persoas ca nas institucións», ao contrario do que sucede en sociedades desenvolvidas e ben estruturadas.

Nos noventa chega o terceiro tranco de Carlos Mella, marcado pola reflexión sobre a súa experiencia a través de escrita, da cultura e, por veces, tamén da política non executiva. Daquela, concorreu sen éxito ás eleccións europeas, apoiado polo BNG e, durante case dez anos, presidiu a Fundación Castelao. Foi o tempo, sobre todo, do escribidor de ensaios, relatos literarios e de artigos máis de reflexión ca de combate. A súa voz adquiriu un perfil propio, movida pola obsesión por entender a sociedade galega sen caer no pesimismo ilustrado, porque os seus libros de ensaio, críticos ou paródicos, tamén son propositivos, como sucede en Unha Galicia posible.

E así chegamos ao derradeiro tranco da súa vida. Un período que debe estar cuberto polo recordo de familiares e amigos e, desde logo, pola construción da súa posteridade como resultado dos seus valores máis positivos. O seu legado foi ollar o noso futuro coas ferramentas dun espectador ilustrado, que descobre que as cousas en Galicia non son o que parecen. A súa prosa era poucas veces profesoral, dado que denunciaba lugares comúns e posicións ideolóxicas, políticas ou de calquera outra caste que a xente dá por boas sen saber moi ben por que. Era unha prosa que provocaba, pero que non moralizaba. Esta é a substancia con que se ha de armar este tranco da biografía de Carlos Mella, feito con distancia e intelixencia. E co silencio que el practicou tantas veces como un modo de entender a «sorte do paxariño».