Chegou a primavera, por sorpresa, coma todos os anos. Hai apenas uns días levabamos abrigo, e, de súpeto, a rúa énchese de xente en mangas de camisa ou con vestidos de tirantes. Antonio Machado reflectiu moi ben ese carácter sorpresivo da primavera nun poema publicado en Madrid, en 1924 no libro Nuevas canciones: «La primavera ha venido / nadie sabe cómo ha sido / ha despertado la rama/ y el almendro ha florecido / y en el campo se escuchaba / el gri gri del grillo».
Nas cidades, a primavera produce, alén de sorpresa, unha tensión especial. Nos xardíns hai unha explosión de vida nova: as árbores énchense de flores. Castiñeiros de indias, acacias, jacarandas, amendoeiras, cerdeiras e magnolios locen as súas mellores flores e enchen o aire co seu aroma. E en calquera greta do asfalto xorde unha planta verde que nos lembra que o asfalto é só unha cobertura que a humanidade lle puxo á terra onde xermina a vida.
Ás veces imaxino que esa forza acabará por impoñerse e fará saltar polo aire a cidade asfaltada, e que iso será o fin do mundo. Chegarán os catro xinetes que o anuncian: a conquista, a guerra, a fame e a morte (a min todo isto sóame a algo que xa estamos a vivir) e será a apocalipse, o final de todo.
Vostedes dirán que son fantasías de novelista catastrofista, e sen dúbida o son. Que podo engadir? Que, mentres non suceda, gocemos das cores e os aromas desta fermosa primavera cidadá.