Tradición e igualdade

OPINIÓN

Albert Llueca, cofrade que votó a favor de la entrada de las mujeres puedan procesionar en Semana Santa
Albert Llueca, cofrade que votó a favor de la entrada de las mujeres puedan procesionar en Semana Santa Manuel Bruque | EFE

25 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Sei que hai xente que non entende a febre que algunhas tradicións espertan en nós. Ás veces non hai moita racionalidade en certas manifestacións populares que levan manténdose ao longo dos séculos, pero a xente deféndeas con orgullo e sentimento ata o punto de que calquera desvío nas regras impostas polo tempo pódese ver coma unha traizón ou algo inaceptable. Vén isto a conto porque en Sagunto os homes confrades votaron en contra de que as mulleres poidan acompañalos nas procesións e converteron o asunto nunha cuestión de xénero. Esa negativa faime lembrar tamén a festa do entroido, cando as mulleres deron en vestir a pantalla e recibiron a crítica de moitos homes que consideraban iso todo un agravio porque entendían que o privilexio sempre lles pertencera a eles, unha teima que, por sorte, xa hai tempo que desapareceu, aínda que haxa algúns instalados no século pasado. As tradicións non son pezas de museo. Cremos que se manteñen intactas cando en realidade están en permanente construción, adaptándose ás diversas capas de cada época pola que pasan. En pleno século XXI non ten moito sentido escudarse no costume, na pureza da tradición para restrinxir a participación feminina en algo que transcende o relixioso. O problema non é a tradición en si, senón quen ten o poder de definila. Excluír as mulleres o único que fai é empobrecer a tradición, desconectala da realidade e, sobre todo, converter a votación nun mecanismo de control para que a sociedade non avance precisamente cara á igualdade. Estrañaríame moito que as propias confrarías non cambiasen moito as formas, a estética e os significados ao longo dos anos. Integrar as mulleres, lonxe de supor unha ruptura coa esencia que eles din defender, sospeito que lle engadiría un novo significado á celebración e talvez evolucionase de xeito coherente cos tempos que vivimos.